CONCELLO, DEPUTACIÓN E UNIVERSIDADE XUNTOS NA INVESTIGACIÓN SOBRE O COMPOST

Aposta pola compostaxe

CONVENIOCANICOUVA2
Sinatura do convenio
Aposta pola compostaxe

Deputación, Concello de Pontevedra e Universidade de Vigo formalizaron hoxe o convenio para investigar os beneficios do compost e os bioestabilizados na posible rexeneración de solos galegos en situación de degradación. O acordo enmárcase no plan provincial de compostaxe ‘Revitaliza’ e permitirá que os científicos da Universidade de Vigo utilicen os terreos anexos á futura planta de compostaxe de A Canicouva como campo de probas para certificar se os compost de peor calidade derivados dos residuos orgánicos municipais –denominados bioestabiliizados- poden ser utilizados con garantías para recuperar espazos degradados como solos forestais queimados, zonas de canteira ou noiros de autoestradas, nos que suporía un desperdicio utilizar compost da mellor calidade.

O vicepresidente da Deputación e responsable do ‘Plan Revitaliza’, César Mosquera, explicou que o interese da investigación da UVigo “é descubrir posibilidades novas, xa que os usos para o compost tipo A xa están descubertos”. Aclarou que, a día de hoxe, o produto que se está a producir nos centros de compostaxe comunitarios en funcionamento na provincia de Pontevedra (e o que se agarda da planta de A Canicouva) é da máis alta calidade: “Aspiramos a clase A ou B e estamos a conseguilo, pero estudaranse as posibilidades do bioestabilizado de plantas como  Lousame, que ten pouca calidade, para saber se podemos axudar a facer útil un produto que podería rematar queimando ou nun vertedoiro”.

O convenio asinado entre Deputación, Concello de Pontevedra e Universidade de Vigo busca investigar os beneficios do compost e dos bioestabilizados na rexeneración dos solos galegos

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, sinalou pola súa banda, que o importante da sinatura de hoxe “é o concepto que hai detrás deste convenio”, que non é outro que “un cambio de cultura en torno a como tratamos os residuos”. Silva subliñou a importancia de apostar pola compostaxe por concienciación ambiental e social, e destacou o traballo feito cos concellos a través do Plan Revitaliza, do que dixo “vai correndo a un ritmo moi importante”. “Este plan supón un cambio de cultura no que as administracións teñen que estar comprometidas para cambiar hábitos na cidadanía. Temos que ser líderes dos cambios medioambientais, xa é o papel fundamental que lles corresponde aos gobernos”.

Así mesmo, a presidenta destacou a importancia de que a Universidade traballe de forma conxunta coa Deputación e o Concello de Pontevedra para “dar rigor e valor engadido” ás decisións que toma. “Hai que estudar cada proxecto que se pon en marcha, e o vicepresidente Mosquera, impulsor deste plan, é serio e rigoroso. Hai que ter datos para tomar as decisións axeitadas, por iso lle dou a noraboa porque este mérito é seu”, subliñou.

“Proxecto de país”

Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, destacou que a aposta da Deputación e do Concello pola compostaxe e a investigación supón un “proxecto de país” que xera tanto actividade económica como formativa. “Estamos inmersos nun proxecto de vangarda e novidoso sobre o aproveitamento dos bioestabilizados do que non hai datos científicos nin sobre as características dos solos galegos nin sobre os seus comportamentos con estes aportes”, dixo, polo que subliñou as sinerxias dos intereses das tres institucións implicadas no proxecto.

“No futuro seguro que haberá moitas outras posibilidades de traballo conxunto coa Deputación e a Universidade. Este proxecto é para tres anos e pretendemos acadar un aproveitamento do 100% dos residuos orgánicos “, salientou. 

O reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, destacou que o traballo que vai facer a Universidade é colaborar nun plan (o Revitaliza) que é “ambicioso, moderno e de futuro” e que busca “integrar na xestión sostible aquilo que non utilizamos”. “Nós estamos convencidos dese plantexamento. Temos persoal con coñecemento para dar pasos que axuden aos proxectos do Concello e a Deputación e queremos apoiar esta filosofía e dar seguridade e rigor a todos os pasos que se van levar adiante”, dixo.

“No século XXI, máis alá das vantaxes técnicas e das garantías ambientais, estes traballos en torno ao tratamento do lixo na provincia de Pontevedra obedecen a un cambio de cultura que debemos ir acelerando se queremos ter futuro neste planeta”, dixo Mato, quen avogou por que as administracións fagan “como o orballo: ir mollando o imaxinario popular” -na concienciación sobre o medio ambiente-.

Finalmente, Mato manifestou que a Universidade síntese “arroupada polas institucións” grazas a convenios como o asinado hoxe, o que aumenta a ilusión “de devolver á sociedade o noso coñecemento”. 

230.000 euros en tres anos    

O convenio entre a Deputación, o Concello e a Universidade de Vigo ten unha contía de 230.000 euros que aportará a institución provincial en tres anualidades (100.000 euros este ano, 70.000 no 2017 e 60.000 no 2018). 

A Universidade, mediante a área de Edafoloxía e Química Agrícola, colaborará aportando persoal técnico cualificado, coñecemento e uso dos laboratorios e outras instalacións. O grupo de investigación estará formado polas profesoras Purificación Marcet e Emma Fernández Covelo na dirección dos traballos e dous doutores investigarán de maneira exclusiva. Tamén colaborarán os alumnos da UVigo que queiran realizar os seus traballos de fin de carreira ou de master sobre  compostaxe.

Pola súa banda, o Concello aportará as 10 hectáreas de terreo das que dispón en A Canicouva grazas ao acordo coa Comunidade de Montes para a instalación da planta de compostaxe. Dado que a planta ocupará pouco máis dunha hectárea queda moito terreo no que actuar: zonas moi degradadas polos incendios e pola existencia de antigas canteiras, así como noiros moi pedregosos. 

A planta da Canicouva  

O vicepresidente provincial, César Mosquera, destacou que a principios do próximo mes haberá información definitiva sobre as características, dimensións e prazos da nova planta de compostaxe da Canicouva que tratará boa parte dos residuos orgánicos dos barrios do centro de Pontevedra. Segundo asegurou, a día de hoxe xa está moi avanzado o traballo de diagnose e situación da cantidade de residuos orgánicos que se xeran no municipio, polo que en breve se dará a coñecer a proposta de tamaño que terá.

Aposta pola compostaxe