O PP de Moraña négase a cumprir o acordo plenario de compensar a paga extra

Eva Villaverde e Marcos Suárez, concelleiros do BNG en Moraña
O PP de Moraña négase a cumprir o acordo plenario de compensar a paga extra

A democracia non existe no Concello de Moraña. O PP, coa súa alcaldesa á fronte, viola de forma manifesta e reiterada os acordos adoptados polo máximo órgano do Concello, o Pleno da Corporación Municipal.

É demasiado habitual no Concello de Moraña que se garden nos caixóns sen atender non só as preguntas e rogos que se formulan, senón tamén todos aqueles acordos adoptados nas sesións plenarias da corporación municipal.

Lembremos que a maioría democrática da corporación municipal acordou no seu día aprobar unha moción do BNG para compensar a perda de poder adquisitivo das empregadas e empregados públicos do Concello de Moraña. Desde o 3 de agosto estamos á espera de que se nos achegue un informe xurídico das posibilidades de facer dita compensación. A pesar de que este informe aínda non existe a Alcaldesa xa manifestou abertamente no último pleno que non ía cumprir ese acordo.

Con esta atitude a alcaldeas non só manifesta unha intolerante submisión ao PP e ao seu valedor, o sr. Rafael Louzán, senón que ningunea aos veciños e veciñas de Moraña e aos seus representantes públicos, nun desprezo absoluto ao que significa democracia. E esta actitude autoritaria e antidemocrática da alcaldesa, fai que sexa unha persoa indigna para representar ao noso concello e presidir unha corporación democrática.

Sabemos que ao PP pouco ou nada lle importa Moraña, nin o benestar dos seus veciños e veciñas, nin os dereitos dos traballadores e traballadoras, nin o futuro da economía local. As súas políticas antisociais e de desmantelamento dos servizos básicos así o confirman.

Pero aos que si nos importa, como ao BNG, estamos na obriga de defender todas aquelas medidas que poidan incentivar a economía do concello, como é que as traballadoras e traballadores públicos manteñan o seu poder adquisitivo, para que poida revertir na economía local, sexa no comercio, sexa na hostelaría.

O PP de Moraña négase a cumprir o acordo plenario de compensar a paga extra