Obras de mantemento na cidade

Obras de mantemento na cidade

Pontevedra, 23 de febreiro de 2015. O Concello de Pontevedra inicia nesta semana distintas obras urbanas de mantemento e reparación de diversas rúas céntricas da cidade. O concelleiro delegado do ámbito urbano, Luís Bará explicou esta mañá que as obras que se porán en marcha son:

  • Reparación da beirarrúa na rúa Irmáns Nodales por 10.000 euros
  • Reparación da calzada de lastro na rúa García Alén por 15.000 euros.
  • Reparación da beirarrúa na avenida de Vigo (diante do Froiz) por 30.662 euros.
  • Reparación do lastro na rúa Nova.
  • Obras na avenida do Uruguai (na ponte do Burgo) para reparar a xunta de diltación. Péchase á circulación un carril dos dous dispoñibles. As obras comezarán ás 10 horas do mércores 25 e prolongaranse ata o venres 27. A afección para a circulación de vehículos consistirá na eliminación dun carril.
  • Obras na rúa Carrasqueira: obras de reparación de asfaltao na rúa Carrasqueira. As obras comezarán o xoves, 26 de febreiro, ás 15.00 horas finalizando o propio día. Anúlase parte do estacionamento e péchase a circulación de vehículos pola rúa.
  • Obras na rúa Italia: Obras de reposición de asfalto na rúa Italia no barrio de Monte Porreiro. As obras comezarán o xoves, 26 de febreiro, ás 09.30 horas. Quedarán finalizadas na propia mañá.
  • Obras en Padre Fernando Olmedo. Inicio o venres 27 de febreiro, ás 09.30 horas. Non implica o corte da rúa pero si a retirada de estacionamento. As obras rematarán sobre as 13.30 horas. Obras de reposición de asfalto.
  • Obras na rúa da Seca para a reposición de asfalto. Comezarán ás 15 horas do sábado 28. Darase paso alternativo aos vehículos no punto de corte. As obras finalizarán na mesma tarde.
  • Obras na Glorieta de Xosé Malvar - Loureiro Crespo. Comezarán o sábado 28 ás 8:00 horas finalizando ao longo da mañá. Se produciran cortes e desvíos da circulación de vehículos polas rúas estremeiras.
  • Obras na rúa de reposición de asfalto. Córtase o tramo final da rúa desviando a circulación cara á rúa Eduardo Pondal. Comezarán o venres 27 ás 15.00 horas e rematarán ao longo da tarde.

O Concello tamén iniciará nas vindeiras semanas traballos para mellorar a mobilidade na rúa Peregrina, entre Fonte dos nenos e a rúa Daniel de la Sota. Trátase dun tramo de grande concentración de persoas polo que o Concello eliminará os parterres e conservará as árbores que estarán protexidas por alcorques a nivel do chan, para que o espazo sexa o máis accesíbel posíbel.

Ao respecto do desdobramento da avenida de Vigo, Luís Bará explicou esta mañá que o proxecto de melloras na avenida da Estación van a moi bo ritmo. A beirarrúa da marxe dereita está practicamente rematada e xa comezaron os traballos na outra marxe para construír unha beirarrúa no lugar que agora hai unha franxa de estacionamento de vehículos.

Tamén comezou a urbanización do propio desdobramento coa construción das beirarrúas.

O concelleiro tamén explicou que na Comisión de Infraestruturas celebrada esta mañá abordouse o proxecto de creación dunha gran praza diante do Hospital Provincial. Este proxecto será licitado nos próximos días e o propósito é que todo o procedemento administrativo poida estar resolto no prazo duns tres meses.

Luís Bará recordou que se trata de facer unha gran praza entre a rúa Cobián Areal e as Urxencias do Hospital, que terá unha superficie aproximada duns 1.200 metros cadrados que se urbanizarán en lastro de pedra e formigón.

Esta obra, que terá un custe de licitación de 417.000 euros, suporá unha transformación moi substancial neste ámbito incrementando a súa calidade urbana. Aínda que será unha praza pública, será compatible co tráfico rodado en circunstancias excepcionais como nos desfiles de Reis, do Entroido ou calquera outra actividade destas características.

Obras de mantemento na cidade