As empresas do Puntazo involúcranse coa compostaxe

As empresas do Puntazo involúcranse coa compostaxe

puntazo-4Pontevedra, 4 de abril de 2016. A posta en marcha do Plan de compostaxe require da implicación de tódolos axentes locais para acadar o seu éxito. Esta foi a premisa principal que Carme da Silva, concelleira de Urbanismo e Medio Amibiente, trasladou na reunión mantida onte coas empresas que forman parte do programa Pontevedra ten un Puntazo.

A idea do goberno municipal é fomentar a participación no desenvolvemento deste plan e ir misturando diferentes áreas de actuación, polo que foi solicitada a colaboración das empresas creativas e culturais da cidade para levar a cabo esta iniciativa, que constitúe unas das principais prioridades do Concello de Pontevedra nos vindeiros anos.

Carme da Silva agradeceu a asistencia de tantas empresas a esta reunión, que tivo lugar onte na Casa da Luz, xa que “pretendemos que o plan sexa de tódolos membros da sociedade pontevedresa e teña o seu sustento fundamental na participación cidadá como aconteceu coa posta en marcha do noso modelo de cidade”. Valorou a grande receptividade dos participantes.

Durante a súa intervención trasladou aos asistentes cales son os obxectivos e as principais necesidades que ten o Plan de de Tratamento de Residuos, así como cales son aquelas áreas do proxecto no que as empresas do ámbito cultural e creativo poden realizar as súas achegas e propostas de mellora.

A concelleira de Urbanismo estivo acompañada por Ana Gulías, concelleira de Promoción da Cidade, e Alberto Oubiña, concelleiro de Normalización Lingüística e Novas Tecnoloxías, quen será o encargado de recopilar todas as propostas que se realicen por parte das empresas que conforman Pontevedra ten un Puntazo.