O Concello de Pontevedra aposta pola compostaxe doméstica nas parroquias do rural

O Concello de Pontevedra aposta pola compostaxe doméstica nas parroquias do rural

Pontevedra, 12 de marzo de 2013. A Concellaría de Servizos en colaboración con Adega realizará unha campaña de compostaxe doméstica que foi presentada esta mañá pola concelleira Carme da Silva, así como pola responsábel de residuos de Adega, María Rodríguez Lafuente.

Este programa é a segunda fase dunha primeira campaña que puxera en marcha o Concello polas parroquias de Tomeza e Salcedo. Agora continúa por Mourente, Marcón e Bora coa intención de crear un plan de educación ambiental para adultos e informar e ilustrar sobre a xestión adecuada da materia orgánica devolvéndoa á terra, e reiniciando o seu ciclo “vital”.

A Concellaría arranca a campaña con 50 prazas (aínda que se a demanda é maior poderase ampliar) para empadronadas nas citadas parroquias. As persoas interesadas poderán solicitar a súa inscrición dende o 14 de marzo ao 3 de abril, a través do Rexistro Xeral do Concello de Pontevedra achegando un volante de empadronamento para xustificar a súa residencia nalgunha destas tres parroquias. Tamén deben ter unha vivenda con horta ou xardín, e non ter participado noutras campañas de compostaxe.

As persoas inscritas deberán participar nunha charla informativa o vindeiro 8 de abril, a partir das 19.30 horas no Pazo da Cultura. Neste acto entregaráselles os composteiros, daráselle información sobre o seu uso, tamén sobre o uso do compost, e o sistema de residuos de Galiza.

Dende este momento, e até final de ano será Adega a encargada de facer tres visitas ás casas que reciban os composteiros para facer un seguimento do programa e resolver as dúbidas que poidan xurdir á hora de pór en marcha a compostaxe.

O Concello de Pontevedra aposta pola compostaxe doméstica nas parroquias do rural