A concellaría de Promoción económica e da cidade na vangarda da loita por unha economía para tod@s

A concellaría de Promoción económica e da cidade na vangarda da loita por unha economía para tod@s

Anabel-Gulías-viceportavoz

PLAN VEREA

A heteroxeneidade dos participantes e trazo común dos dous programas Verea e Arela, deseñados e desenvolvidos pola Concellería de Promoción Económica e da Cidade baixo a marca P-ON.

Eles arrancarán na Casa da Luz co ambicioso obxectivo de fortalecer, no primeiro caso, o tecido empresarial local e, no segundo, mellorar a empregabilidade dos que están na procura dun traballo.

“Queremos prestar servizos concretos, útiles e reais ” subliña a concelleira de Promoción, Anabel Gulías. Servizos que axuden a abrir camiños cara a inserción laboral e a consolidar ou renovar actividades económicas e empresariais sostibles, implicadas e competitivas, engade a concelleira.En cada un dos programas participarán 20 persoas seleccionadas entre 50 autónomos e empresas no caso do Verea e 45 demandantes de emprego no Arela.

Os 20 seleccionados para participar no Plan Verea defínense pola súa heteroxeneidade: Hai empresas de recente creación e tamén consolidadas e cunha longa traxectoria; hai sociedades e autónomos e as actividades que desenvolven son dispares: deseño gráfico, nutrición, xestión de comunidades, mudanzas, asesoría contable e fiscal, ocio e hostalaría, transporte de viaxeiros, perruqueria, servizos xurídicos, novas tecnoloxías, servizos deportivos e de ocio, impresión, pastelería-panadería, novas tecnoloxías, osteopatía, academia ou comercio.

As vinte empresas ou emprendedores seleccionadas terán catro meses por diante, a partir do próximo luns, 28 de marzo, para avaliar as súas carencias e facer unha diagnose de situación e para identificar as súas oportunidades e deseñar e pór en marcha unha estratexia de futuro.

Neste camiño recibirán asesoramento individualizado ao tempo que se lles fará chegar coñecementos e experiencias multisectoriais e de outras partes. Ademais potenciarase a creación de redes de contactos a través de sesións grupais e obradoiros con temáticas propostas polas participantes e abertas ao público.

 

PLAN ARELA

Os vinte seleccionados para participar no Plan Arela son persoas en situación de busca activa de emprego por conta allea ou por conta propia que amosaron durante o proceso de selección, a través de xogos e dinámicas de grupo, unha actitude colaborativa e proactiva cara a procura de traballo. Ao valorarse estes trazos a selección non permite definir un perfil tipo xa que entre os participantes hai xente nova e maiores de 40 anos, traballadores en paro con pouca o moita experiencia laboral e xente sen experiencia no mundo do traballo; persoas con formación básica e titulados universitarios.

Deseñarase un plan de acción individual para cada un dos participantes, que recibirán formación a demanda para reforzar as súas competencias e facerlle máis doado acadar o seu obxectivo. Dende o Plan Arela se lles prestará un servizo de guía e acompañamento na busca de emprego e se potenciará tamén a cultura colaborativa e a creatividade e a interacción do grupo para acadar este obxectivo.

Eles e elas teñen catro meses por diante, a contar dende o 31 de marzo, para mellorar a súa empregabilidade e tratar de incorporarse ao mundo do traballo.

 

PLAN REPENSA

Os vimbios cos que nace o Plan Repensa, unha iniciativa da Concellería de Promoción Económica e da Cidade na que colabora a Asociación de autónomos APE-Galicia, son evitar que os negocios locais pechen por xubilación, traspasos falidos ou por abandono da actividade e abrir as portas aos emprendedores para que valoren o feito de darlle continuidade a proxectos empresariais cun camiño percorrido e potencial viabilidade así como acompañalos con información e na tramitación do posíbel traspaso.

Tres encontros informativos e un máis a modo de punto de encontro e unha guía explicarán aos interesados o Plan Repensa. As citas, na Casa da Luz, son as seguintes:O Plan Repensa organizouse en tres charlas.

A primeira foi o 17 de marzo, dirixida a alumnado de Formación Profesional e universitarios coa formación terminada e interesados en crear un negocio como saída profesional.

“Queremos poñerlles en bandexa a situación dos negocios en traspaso, informarlles sobre os trámites administrativos a seguir e as liñas de axudas oficias ao emprendemento e para transmisións de negocios”, sinala a nosa compañeira Anabel Gulías.

O vindeiro 5 de abril, o programa continúa cun relatorio dirixido a emprendedores, profundando no acompañamento que podemos prestarlles se asumiren o reto de se facer cun negocio a piques de pechar.

Repensa segue en 7 de abril cun relatorio para as persoas propietarias de comercios e negocios en disposición de transmitir a súa actividade a novos propietarios.

Por fin, o 14 de abril haberá unha xornada de posta en común dos novos titulados, emprendedores e pequenos empresarios na recta final da súa vida profesional ou interesados en deixar a actividade.

 

A Concellaría preséntalle á Xunta proxectos de formación por un valor superior aos 668.000 euros

Noutra orde de cousas, a Concellería de Promoción Económica e da Cidade presentou distintas iniciativas de formación á Xunta de Galiza co fin de acollerse as liñas de subvencións oficias que ten a administración autonómica. Formalizou a solicitude de axudas por valor de 668.345,20 euros o que suporía arredor dun 80% do total do custe da programación.

As propostas de formación acadarían unha matricula de 181 persoas e suporán a contratación de até catorce profesionais para o seu desenvolvemento.

A concellería presenta tres proxectos de obradoiros de emprego vencellados ao sector Servizos, o piar fundamental da economía local: Dinamización comercial, Dinamización turística e Actividades de lecer. Nestes obradoiros o alunado combina a formación teórica coas prácticas. A axuda solicitada á Xunta para estes obradoiros supera os 320.000 euros.

Outras 100 persoas poderían beneficiarse dun programa experimental de emprego deseñado para misturar formación direccionada á inserción laboral. A axuda solicitada para este proxecto innovador é de 240.000 euros.

Por outra banda, a concellería pretende promover cursos específicos para persoas desempregadas -o programa AFD-, os chamados cursos de formación ocupacional. Son tres os seleccionados: Xestión básica de sociedades laborais, Reprodución de moldes e pezas cerámicas artesanais e Dinamización de actividades de tempo libre educativo infantil e xuvenil. Neste apartado ás axudas solicitadas á administración autonómica ascenden a 60.000 euros.

O desenvolvemento desta ampla programación formativa precisaría persoal técnico para información, orientación e prospección de emprego. Un cadro de persoal que tería que ter un mínimo de 8 traballadores aínda que o número ideal sería 14 e para o total pídese unha subvención de 46.000 euros.

 

A concellaría de Promoción económica e da cidade na vangarda da loita por unha economía para tod@s