O BNG reclama medidas concretas para enfrontar a situación das mariscadoras da ría de Pontevedra

O BNG reclama medidas concretas para enfrontar a situación das mariscadoras da ría de Pontevedra

Portada-Rodas-comisión-PescaPontevedra, 5 de abril de 2016. O deputado do BNG, Daniel Rodas, demandou hoxe na Comisión de Pesca responsabilidades á Directora Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro por ser incapaces de determinar a causa da mortaldade da ameixa babosa e o berberecho e a falta de medidas e prazos para a mellora da calidade da auga e a recuperación do marisqueo.

Rodas sinala que nestas últimas campañas as capturas de ameixa babosa pasaron de 38.566 quilos (2012) a 4.878 quilos (2015),  e o berberecho de 167.694 quilos (2012) a unicamete 41 quilos o pasado ano. O que pon en evidencia os estragos causados pola Marteilia e o Perkinsus supoñendo un drama para os ingresos do colectivo de mariscadoras e confirmandose unha vez máis a falta de medidas por parte do Goberno galego.

Esta situación fai cuestionar o actual modelo de seguimento e investigación das enfermidades que afectan aos moluscos, por parte da Consellaría do Mar, sen competencias oceanográficas e cos principais centros de investigación IEO, IIM) dependentes de Madrid, sen control da Xunta  para responder as demandas de Galicia ou adoptando decisións como o desmantelamento de unidades de investigación por falta de persoal.

Outro dos dramas é a incapacidade de producir semente propia, e iso que a propia Consellaría desenvolve un subproxecto no IGAFA para producir semente en minicriadeiros pero encontrase que non ten persoal para desenvolver este proxecto, ou que ten abandonados o minicriadeiro de Camariñas e o do Vicedo.

Tamén lle reprochou que dende a aparición da Marteilia (2012), nada se ten avanzado no control  do movemento dos bivalvos. Seguen chegando semente de Tinamenor, de Italia, de Francia, de Turquía,... sen que  se teñen incrementado as medidas para garantir a inmersión nas nosas augas. Nin mellorado as medidas de control no desprazamento entre distintas zonas para impedir a chegada ou propagación destas enfermidades a outras rías.

A ría empeora, non hai máis que ver as zonas con  bateas que pasan de zona “B” a “C”, o emisario vertendo libremente, ou a prórroga de Ence. Os proxectos de ampliación da depuradora de Placeres ou de nova en Poio seguen no limbo, quedándose o compromiso adquirido o ano pasado nun mero estudo de Plan de Saneamento Local.

O BNG afirma que os datos son demoledores na lonxa de Campelo, pasando de facturar 731.000 euros (2012) a 334.000 euros (2015) o que desmonta a propaganda de incremento de ingresos e reclama  medidas contra a mortaldade da ameixa e o berberecho, un seguro que garanta as produción marisqueiras. Que os protocolos de seguimento das enfermidades sexan claras, transparentes e rigurosas. Que exista máxima coordinación entre os centros de investigación, que se dote aos mesmos de persoal investigador, que no IGAFA os proxectos de produción de semente conte con persoal cualificado, que se habiliten axudas por perdas por causas naturais, como é o caso das mortaldade, por peches administrativos ou por mal tempo  para que o colectivo que sufre o apodrecemento da ría poida ter dereito a unhas rendas dignas

O BNG reclama medidas concretas para enfrontar a situación das mariscadoras da ría de Pontevedra