O BNG acusa a Cubela de pretender tapar a fusión sacando do caixón o Campo de Tiro de 500.000 euros

O BNG acusa a Cubela de pretender tapar a fusión sacando do caixón o Campo de Tiro de 500.000 euros

NonaoCampodeTiroCotobade, 4 de abril de 2016. O sr Alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, erra cando pretende desviar o forte debate aberto no seo da sociedade local por mor da fusión poñendo de novo en aberto o proxecto do Campo de Tiro.

Falamos dun proxecto rexeitado pola maioría dos e das cotobadenses atendendo a razóns económicas, pois, valorado nuns 500.000€ todos entendemos que é unha obra para nada urxente nun momento no que socialmente precisamos de maiores atencións no canto das prestacións dos servizos públicos e accións concretas que permitan a baixada do alto número de desempregados situado a xaneiro de 2016 por riba dos 405 veciños.

Tentar facer deste proxecto a obra da vanagloria persoal do rexedor non é máis que a obvia demostración coa que o goberno do sr Cubela acusa o esgotamento, a falta de coherencia e a ausencia de ideas coas que sacar a Cotobade do hastío político no que se ve sumido nos últimos tempos. Vimos denunciando que o seu PPXOM, quizáis o proceso xa se atope paralizado, só servirá para reducir en maior medida a pouca superficie de ampliación de núcleo na que se permitan novas construccións, hoxe xa ben escasa. Así que, en vez de tomar medidas para fixar a poboación máis xove, co seu plan xeral de urbanismo o que vai a provocar será unha fuxida dos mozos e mozas cara a cidade e por tanto aumentar o envellentamento da poboación local ademáis de acuciar unha maior baixada no número de habitantes no municipio. Lembrámoslle ao señor Alcalde que Cotobade segue sen contar cun Parque Empresarial no que cando menos as empresas locais e outras que puideran achegarse e asentarse, lograran crear algún posto de traballo tan necesario para os parados e mozos que hoxe so teñen unha saída: emigrar.

Dende o BNG somos conscientes de que o Sr Cubela está a ter problemas para asentar socialmente o seu último delirio político: unha fusión mal estudada, mal explicada e desacertada. Tento en conta o demoledor informe de Secretaría no que textualmente di “que non consta aval técnico que confirme a vixencia e exactitude dos datos económicos que se incorporan no expediente asinados por alcaldía” e tendo en conta que nen tan sequera se incorpora a ese expediente de fusión o informe de Intervención no que se recolle textualmente que Cotobade está “incumprindo o principio de estabilidade orzamentaria ascendendo á necesidade de financiamento á cantidade de 309.362,98€”; amosámonos preocupados pola situación de deriva que se albisca no goberno municipal e que para tapar a súa deficiente xestión metéronnos neste inxustificado proceso que non conta co aval dos técnicos municipais.

O Sr Cubela está a equivocar a estratexia política municipal cos seus intereses persoais. Dende o BNG pedímoslle que abandone as súas quimeras presidencialistas, paralice a fusión, traballe nun novo pxom e loite polo parque empresarial –traballo e fixamento de poboación- e de paso que se esquenza do seu Campo de Tiro de 500.000€, pois, en Cotobade non precisamos de máis Barberás, Camps ou Fabras que deixen megaobras infrautilizadas, senón que precisamos mellores comunicacións, servizos públicos e unha eficiente xestión dos recursos municipais.

O BNG acusa a Cubela de pretender tapar a fusión sacando do caixón o Campo de Tiro de 500.000 euros