APROBADA POR UNANIMIDADE A INICIATIVA DO BNG

Soutomaior demanda ao SERGAS un novo médico de familia

O Portavoz do BNG, Manu Lourenzo
O Portavoz do BNG, Manu Lourenzo
Soutomaior demanda ao SERGAS un novo médico de familia

O pleno do concello de Soutomaior aprobou por unanimidade na súa última edición  a iniciativa do BNG en defensa da sanidade pública no concello de Soutomaior. A moción demandaba diferentes medidas de mellora da sanidade pública no concello. Medidas como a necesidade de que a Xunta cubra as substitucións de médicos e pediatras ou que o concello devolva as prazas de aparcamento ao persoal sanitario para que estes poidan antender as urxencias con rapidez.  

Pero, sen dúbida, o aspecto central da iniciativa do BNG foi a necesidade dun novo médico para o municipio. No documento rexistrado, os edís nacionalistas demostraron que no concello de Soutomaior hai unha importante saturación da atención médica, xa que todos os facultativos teñen adscritos un número de pacientes que supera con moito as recomendacións máximas, tanto da unión europea como das asociacións profesionais  do sector. 

A este respecto, o voceiro do BNG Manu Lourenzo sinalaba que “A asociación española de médicos de familia recomenda que para garantir unha atención sanitaria adecuada, non debe haber máis de 1200 pacientes por cada médico. Pero a realidade é que en Soutomaior temos uns cupos que están  entre os 1550 e os 1750 pacientes por cada médico. As cifras falan por si soas. E por iso, a través desta iniciativa queremos rematar con esta situación  inxusta e que ten graves consecuencias para a nosa veciñanza”

Porén, dende o BNG criticaron que o goberno local do PP leve anos mirando para outro lado mentres as veciñas e veciños están a padecer esta situación. O voceiro do BNG indicaba que “Estamos falando de veciños de Soutomaior que pagan relixiosamente os seus impostos e aos que se lles nega o dereito a ter un médico de familia no seu propio concello. Ata este extremo chegou a saturación da sanidade pública no concello de Soutomaior. É simplemente intolerable. Esta situación forxouse durante os últimos anos sen que o goberno local movese un dedo. E agora vemos como unha vez máis ten que ser  o BNG o que faga frente a esta situación e se preocupe polos veciños”

Así mesmo o voceiro do BNG indicou que “Esta moción  é un primeiro paso para poñer fin a esta inxustiza. Un primeiro paso necesario pero non suficiente. Agardamos que esta situación se solucione canto antes por esta vía porque non podemos permitir de ningunha maneira que se xogue coa sanidade da nosa veciñanza”