A sanidade pública en Caldas, a eterna chapuza do PP

Manu Fariña
Manu Fariña
A sanidade pública en Caldas, a eterna chapuza do PP

A chegada do COVID-19 está a poñer a proba unha sanidade pública galega que levaba xa demasiados anos sendo vítima de continuos recortes e actuacións chapuceiras por parte da Xunta do PP.

En Caldas levamos anos vendo como se nos promete un novo centro de saúde que nunca acaba de chegar, como se deixaban as baixas e vacacións dos profesionais sen cubrir ata que as listas de agarda eran practicamente eternas, ou como a matrona ten que pasar consulta fóra do centro de saúde en indignas condicións.

O ataque sistemático do goberno do PP conta a nosa Sanidade Pública está a escribir estes días un novo capítulo, ao pretender desaloxar as consultas de pediatría do Centro de Saúde para o edificio do Centro Comarcal da Tafona, un edificio que nestes momentos non conta coas máis mínimas condicións de accesibilidade, pois non se sabe como nin cando se retomarán as obras que alí se estaban a realizar e que levan case medio ano paralizadas.

Dende o BNG consideramos que o desafiuzamento da pediatría do noso Centro de Saúde é absolutamente intolerable, pois constitúe en sí mesmo un novo ataque contra a nosa sanidade pública e supón desprazar a un servizo fundamental da atención primaria como é a atención aos nosos cativos e cativas a un edificio que nunca foi concibido como un Centro de Saúde e que non reúne as mínimas condicións esixibles. 

Así pois, dende o bloque esixímoslle ao goberno da Xunta de Galiza que, entre recorte e chapuza, teñan como mínimo a dignidade de responder oficialmente á oferta de terreos en Santa María pactada polo PSOE e o BNG que lle foi trasladada oficialmente á Xunta hai máis de 8 meses (o 19/9/2019 para ser exactos), pois a día de hoxe non consta oficialmente ningunha resposta por parte da Xunta do PP.

“As veciñas e veciños de Caldas merecen poder desfrutar dunha Sanidade Pública de Calidade e dun Centro de Saúde digno. A Xunta non pode seguir tratando a Caldas como se fose un concello de terceira ou cuarta división” sentenciou Manuel Fariña.

A sanidade pública en Caldas, a eterna chapuza do PP