O PP rompe o consenso sobre a recuperación do Umia

Manuel Fariña
Manuel Fariña

O PP de Caldas volve máis unha vez a traizoar aos veciños e vecinas, como xa o fixera antes coa sanidade pública, rachando co consenso para a recuperación do río Umia, manifestando unha actitude irresponsable e servil que demostra ás claras o pouco que Caldas lle importa ao Partido Popular

O PP rompe o consenso sobre a recuperación do Umia

A negativa do Partido Popular de Caldas a volver apoiar a moción pola recuperación do Umia, que hai un ano acadara o apoio unánime da corporación municipal, é un novo exemplo da submisión e o servilismo dos concelleiros e concelleiras do PP aos intereses do partido.

O candidato e portavoz do Partido Popular tardou ben pouco en esquecerse das súas propias declaracións na pasada campaña eleitoral, cando dicía que “yo con el río no voy a tragar”, pois no pleno recoñeceu que estivera esa mesma mañá coa directora de Augas de Galiza e que, en consecuencia, non podían apoiar agora esta moción.

A moción debatida, presentada nesta ocasión polo BNG, é, en esencia a mesma que a do ano pasado, pois só se engadiu un parágrafo na exposición de motivos que manifesta a evidencia de que a Xunta non cumpríu ningún dos compromisos acadados o ano pasado.

Para o BNG, a recuperación do Umia é unha necesidade vital para o concello de Caldas e un obxectivo irrenunciable, que debera ser prioritario para todas as forzas políticas. Lamentamos, por tanto, que o PP dinamite deste xeito o consenso nun tema tan transcendental como é a recuperación do noso río.

O Umia pasou de ser o gran emblema de Caldas e un auténtico atractivo turístico a converterse nun camposanto de fondos públicos que sofre cada ano as consecuencias dun encoro contaminado que ten como único obxectivo a xeración eléctrica. Un encoro que, ademais, foi construído por asalto contra a vontade das veciñas e veciños nun dos episodios máis vergoñentos da historia do noso concello.

“No BNG seguiremos traballando arreo pola recuperación do Umia, para devolverlle a Caldas o río que aínda recordamos. Non podemos consentir que o noso río se tinga de verde cada ano convertido nun problema de saúde pública. Queremos solucións reais e definitivas, e esas pasan necesariamente polo desmantelamento da presa, tal e como afirman os expertos” afirmou o portavoz do BNG, Manuel Fariña.