Pontevedra acollerá o VI Seminario de "Composta en Rede" o 20 e 21 de outubro

compostaenrede1
compostaenrede1
Pontevedra acollerá o VI Seminario de "Composta en Rede" o 20 e 21 de outubro

Pontevedra converterase na sede estatal da compostaxe os vindeiros 20 e 21 deste mes coa celebración do ‘VI Seminario sobre compostaxe doméstica e comunitaria’ de Composta en Red, unha coordinadora de entidades locais de todo o Estado que pretende promocionar políticas públicas sobre compostaxe e convertelas nun sistema alternativo de xestión de lixo. Tal e como salientou César Mosquera, o traballo feito pola Deputación co Plan Compost Revitaliza está “levantando unha enorme expectación porque é novidoso e non algo experimental, xa que pretendemos aplicar a compostaxe como sistema de xestión do lixo de forma alternativa e universal”.

O seminario está dirixido a responsables e técnicos de entidades locais, asociacións ou empresas vencelladas á compostaxe doméstica e comunitaria, estudantes e particulares e a expectación que está levantando é grande. De feito, a día de hoxe, o número de inscricións supera xa o de calquera outra edición. Entre os poñentes, ademais dos técnicos da Deputación de Pontevedra, estarán representantes do Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente, da Universidade de Santiago, da Universidade Politécnica de Cataluña e da Universidade Pública de Navarra, da Mancomunidade da Comarca de Pamplona, do Concello de Hernani, Madrid, Santiago e San Sadurniño, así como de entidades como Adega ou Amigos da Terra, entre outros. 

cartel composta

Todos eles darán a coñecer diversas experiencias de compostaxe a varios niveis de complexidade. Ademais falarase da pegada de carbono que producen os residuos ao viaxar, dos avances na investigación dos procesos e proxectos de compostaxe doméstica e comunitaria e afondarase nas experiencias integrais de xestión de residuos a través da compostaxe, no que a experiencia da provincia de Pontevedra terá un peso determinante. De feito, os asistentes ao seminario poderán non só coñecer a teoría do Plan Revitaliza da man dos técnicos, senón que están previstas visitas a Príncipe Felipe, complexo no que se vén de conseguir o denominado ‘residuo cero’ (todos os residuos orgánicos se tratan ‘in situ’) grazas a varios centros de compostaxe comunitaria, e tamén visitas aos composteiros de distintos puntos da cidade e a provincia (Monte Porreiro, Caldas…).

“O que estamos a facer na Deputación está a levantar unha expectativa enorme. Houbo moitas experiencias que se estancaron, pero co traballo do Plan Revitaliza ábrese unha expectativa de futuro para a compostaxe como sistema de xestión. Temos a ilusión de que chegue a ser un sistema universal e non unha aposta de catro forofos –subliñou Mosquerra-. Xa houbo demasiadas frustacións neste campo”.

O asesor de residuos da Deputación, Carlos Pérez, subliñou neste sentido que o congreso de Composta en Red focalizará o traballo sobre compostaxe en Pontevedra “como experiencia máis significativa no Estado e en Europa no seu ámbito”. “Queremos darlle un pulo e o que estamos a facer en Príncipe Felipe supón un traballo relevante incluso para a UE, xa que agora mesmo é unha illa na que se demostra que cando se separa o orgánico correctamente tamén se separa a recollida selectiva do resto das fraccións”, subliñou.

1.250.000 euros para a segunda fase do Plan Compost Revitaliza

O vicepresidente Mosquera anunciou que nestes momentos a Deputación de Pontevedra está a traballar na segunda fase do Plan Compost Revitaliza para poñer en marcha un sistema de tratamento dos residuos orgánicos que permita aos concellos da provincia unha xestión do lixo medioambientalmente sostible e máis económica que a actual. Destacou que na Xunta de Goberno deste venres se aprobarán as bases para as liñas de subvención aos Concellos que, cun orzamento de 1.250.000 euros, permitirán a elaboración de plans de residuos individualizados para cada concello da provincia, a compra de composteiros e a formación de persoal.

A segunda fase do Plan Revitaliza inclúe dúas liñas de subvención. A primeira inclúe unha asistencia técnica para a redacción dos Plans Municipais de Recollida e Tratamento de Residuos Domiciliarios por técnicos da Deputación Provincial de Pontevedra e, excepcionalmente, a asistencia para o deseño técnico e planos acoutados das posíbeis plantas de compostaxe. A segunda liña de subvención consiste na axuda para a adquisición dos composteiros individuais e comunitarios necesarios para a posta en marcha do novo sistema baseado na compostaxe, así como dos seus materiais complementarios para o seu bo funcionamento. 

As solicitudes da segunda liña, segundo lembrou Mosquera, só poderán realizarse asociadas á solicitude da primeira liña. En canto ao financiamento, as axudas da Liña 1 serán sufragadas na súa totalidade pola Deputación, mentres que a Liña 2 de subvención relativa á adquisición de composteiros – cuxa contratación corresponderá ao Concello ou Concellos solicitantes- estará dotada con 1.250.557,45 euros do vixente orzamento provincial. 

En canto aos criterios de concesión, concederanse todas as solicitudes presentadas para a Liña 1 dando preferencia a aqueles concellos que polas súas características permitan acadar progresivamente o tratamento do 100% do seu lixo orgánico mediante composteiros. Na Liña 2 as subvencións concederanse en réxime de concorrencia competitiva.  

O prazo para que os concellos presenten as solicitudes será de dous meses a contar desde o día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.

“Máis xente da prevista” 

Mosquera tamén fixo balance e destacou  que a administración provincial vén de instalar máis de trinta composteiros comunitarios en 22 concellos da provincia e que, nalgúns deles, os que primeiro foron colocados, está próxima a obtención de compost. “Estamos a ter menos incidencias das previstas, xa que todo está funcionando perfectamente. De feito estase a dar un fenómeno: que hai moita xente que non se apuntou para participar no plan e que si está levando os seus residuos ao composteiro separándoos na casa correctamente”, explicou o vicepresidente. 

Por outra banda, tamén sinalou que unha vez analizadas as mostras de compost dos composteiros de Príncipe Felipe, o 100% son de tipo A, de máxima calidade e para utilizar nos usos máis esixentes de agricultura.