Pontevedra subvencionará os plans de ordenación da Mancomunidade de Montes

reunion de Oubiña coa mancomunidade de montes
reunion de Oubiña coa mancomunidade de montes
O Concello de Pontevedra elaborará un convenio para que todas as comunidades de montes que forman parte da mancomunidade conten con apoio para dispoñer de plans de ordenación do monte
Pontevedra subvencionará os plans de ordenación da Mancomunidade de Montes

O programa Monte Vivo elevado a PO2 foi o protagonista da xuntanza mantida entre representantes da Mancomunidade de Montes de Pontevedra e o concelleiro responsable de Montes e Parques Forestais, Alberto Oubiña. Na xuntanza, o edil expuxo as liñas de traballo do programa, profundizando na que se centra nas relacións coas Comunidades de Montes e, neste ámbito, o principal acordo foi de elaborar un convenio entre Concello e Mancomunidade para subvencionar os plans de ordenación.

Oubiña lembrou que os plans de ordenación do monte son responsabilidade das propias Comunidades, que están obrigadas por lei a contar con este recurso, pero que a súa posta en marcha ten tamén un grande interese para o Concello "porque ter un monte ordenado vai redundar nun beneificio xeral porque ter o monte recuperado, ter o monte producindo, ter o monte para vivir, ao final redunda en beneficio dos veciños e veciñas da cidade e das parroquias" asegurou.

Alberto Oubiña tamén se referiu ás vantaxes de elaborar e poñer en marcha estes plans conxuntamente a través da Mancomunidade en vez de facelo individualmente. "Se se fai globalmente desde a Mancomunidade podemos poñer en relación as Comunidades que que lindan, pódese poñer determinados condicionantes e estruturas que as van beneficiar a todas" explicou o concelleiro. Este convenio dará apoio aos plans de ordenación de 11 Comunidades de Montes, toda vez que a de Mourente xa o ten, e as de Marcón e Campañó o están elaborando neste momento. Estas 11 Comunidades xestionan arredor de 1.250 hectáreas.

A xuntanza tamén serviu para afianzar o traballo xa realizado na anterior edición do programa Monte Vivo e dar conta das novas liñas de traballo, que ademais das relacións coas Comunidades de Montes, tamén contemplan dous novos parques forestais, o da Tomba e o da Fracha, que se unen ao do Pontillón, e a creación de sendas forestais e parroquiais, que se unirán nunha gran senda inter-parroquial. Sobre esta liñas de traballo, Alberto Oubiña salientou que "a relación coas Comunidades de Montes, ademais de ser unha liña propia, ten a particularidade de que é transversal ás outras dúas, polo que o traballo conxunto e o apoio mutuo é esencial".