Pontevedra recibe 10 millóns de euros de fondos europeos

Luís Bará, concelleiro de Mobilidade
Luís Bará, concelleiro de Mobilidade
Pontevedra recibe 10 millóns de euros de fondos europeos

O Boletín Oficial do Estado (BOE) recolle a publicación das axudas do Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (DUSI) financiadas a través dos fondos europeos FEDER de crecemento sostible, nas que Pontevedra recibe unha contía de 10 millóns de euros. O concelleiro delegado da área urbana, Luís Bará calificou esta publicación de “moi boa noticia para a cidade”.

O Concello de Pontevedra presentara a finais do ano pasado un proxecto para concurrir a estes fondos de 18,7 millóns de euros para realizar no calendario 2016-2022 baixo o título “+ Modelo urbano Pontevedra” e que seguía a liña das principais actuacións do modelo de desenvolvemento urbano da cidade. 

+Modelo Urbano Pontevedra 2016-2022 establece oito obxectivos estratéxicos ao redor da idea de avanzar na construción dunha cidade "intelixente, accesible e integradora". Incluíense nel un total de 32 liñas de actuación que buscan avanzar no modelo urbano aplicado na cidade nos últimos anos.

Así, entre outras cuestións, Proponse 2,9 millóns de euros para a mellora ambiental urbana de espazos periféricos degradados, 2,32 millóns para acondicionar o edificio social Centro Sur -destinado a colectivos que prestan servizos sociais-, 2,3 millóns para mellorar a mobilidade nas estradas e vías rurais, 1,7 millóns para potenciar a administración electrónica, 1,4 millóns para crear núcleos de centralidade nas parroquias do rural ou 1,2 millóns para mellorar a eficiencia enerxética en instalacións sociais.

Ademais destas grandes partidas, o goberno municipal pretende destinar 900.000 euros á recuperación ambiental e patrimonial de espazos naturais fluviais, 870.000 euros para dinamizar a praza de abastos como espazo lúdico e gastronómico, 700.000 euros para a creación de novas infraestruturas sociais, 700.000 euros para un mercado de novos creadores, 400.000 euros para os camiños escolares ou 300.000 euros para implantar un transporte colectivo a demanda.

Luís Bará reiterou a "satisfacción" do goberno municipal ante esta concesión de fondos europeos cuxa convocatoria "parecía feita a medida de Pontevedra", porque a aposta do Concello "por un modelo de cidade exitoso e recoñecido" encaixaba á perfección cos obxectivos recollidos por Bruxelas nesta repartición de fondos.