O CONCELLO PRETENDE MERCAR O CONVENTO DE SANTA CLARA, DO SÉCULO XIV

Pontevedra busca incorporar ao público o edificio máis antigo da cidade e a súa horta

Pontevedra busca incorporar ao público o edificio máis antigo da cidade e a súa horta

Pontevedra, 19 de novembro de 2020. O Concello de Pontevedra é "o único interlocutor sobre a mesa" que opta á compra do Convento e da finca de Santa Clara. Anunciouno o concelleiro de Urbanismo e Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda quen asegurou que as negociacións coa orde das Clarisas para a compra destra propiedade están "nun punto no que acadamos unha sintonía axeitada para ambas partes".

Moreda asegurou que esta posibilidade de compra supón "unha gran noticia para Pontevedra" e indicou que "estamos ante nunhas negociacións únicas, aproveitando unha oportunidade temporal e única, e a nosa prioridade é abrir este espazo para a cidade".

O concelleiro explicou que, dunha banda, as monxas da orde das Clarisas "transmitíronnos que ven con moi bos ollos que o Convento pase a mans do Concello para poñelo a disposición do pobo, e que non se convirta nun elemento de especulación"; mentres que por outra banda, o Concello "está en disposición de estudar a maneira de facerse cargo deste edificio".

Tamén informou que no marco destas negociacións, está previsto que nos vindeiros días técnicos municipais fagan unha visita ao Convento "porque hai que revisar como está o edificio, a estrutura, que tipo instalacións ten e como están, sobre todo para evitar sorpresas e poder facer unha valoración".

Máis dunha hectárea gañada para a cidade

Esta operación urbanística suporía, segundo Xaquín Moreda "a compra dun edificio e dun terreo de máis dunha hectárea de superficie en pleno centro da cidade, que se o poñemos a disposición da poboación conformaría unha zona de esparexemento bastante importante".

Moreda fixo fincapé en que dispoñer deste ben implicaría contar "cun edificio de gran valor histórico nunha ubicación óptima, perto do río e pegado á praza de Barcelos, e evitar a degradación do patrimonio, porque os edificios cando se abandonan acaban arruinados.

O concelleiro lembrou que o Concello xa se interesara pola compra de Santa Clara fai tres anos e que esta cuestión "estaba nas prioridades deste mandato". Neste sentido, explicou que "estivemos traballando activamente en buscar novas vías de negociación", de cara a conseguir poñer este patrimonio a disposición de todos os pontevedreses e pontevedresas.

Sobre o proceso, fixo referencia ao ciclo de visitas ao 'Patrimonio Invisible' no que as 75 prazas que se sacaran pra o Convento de Santa Clara quedaran esgotadas nun minuto. "A raíz daquelas visitas, moitas persoas trasladárannos as súas demandas para que a horta do Convento se convertise en patrimonio do Concello e se puidese entrar nela" asegurou Xaquín Moreda. Tamén a raíz daquelas visitas, o Concello localizou un interlocutor co que avanzar no diálogo e nas negociacións de compra, a Fundación "Las Edades del Hombre" que xestiona o patrimonio da Igrexa en Castela e León e que excepcionalmente se está encargando da venda do Convento da orde das Clarisas en Pontevedra.

Pontevedra busca incorporar ao público o edificio máis antigo da cidade e a súa horta