Poio reclama 1.450.000 euros dos Orzamentos do Estado

20-12-02-2020-12-02 11.52.11-rolda poio-emendas OXE
As emendas buscan dar resposta a tres demandas históricas do BNG e do Concello de Poio: a recuperación patrimonial e medioambiental da Illa de Tambo, a protección sonora da AP-9 e a recuperación 
Poio reclama 1.450.000 euros dos Orzamentos do Estado

Poio, 2 de decembro de 2020. Diante dun ruído constante ocasionado polos vehículos que transitaban pola AP-9, o BNG presentaba no Peirao da Barca as emendas referidas a Poio nos orzamentos xerais do Estado para 2021, que ascenden a 1.450.000 euros e responden a demandas históricas tanto do BNG como do Concello e dos veciños e veciñas de Poio.

Na presentación das emendas participou o Responsábel Comarcal do BNG, Demetrio Gómez, que parabenizou aos compañeiros e compañeiras de Poio que, ao igual que as do resto do país, “fixeron un estudo minucioso das necesidades do Concello” para presentar as emendas aos OXE. Gómez salientou dos OXE a importancia da rebaixa da AP-9, froito do acordo do PSOE co BNG na investidura, pero recalcou que en conxunto a proposta de orzamentos non é boa nin útil para o país. “Parece que Galiza non lle interesa ao PSOE nin a Podemos”, recalcou. Temos ánimo de negociar e chegar a acordos, pero non avalaremos uns orzamentos que discriminan ao noso país.

Lembrou o responsábel nacionalista que mentres os orzamentos para o 2021 son os máis expansivos da historia (máis do 68%), cunha suba do investimento territorializado de máis do 45%, en Galiza, este baixa un 11 a respeito dos actualmente en vigor, realizados por Montero e Rajoy, que xa de por si eran moi malos, e mesmo foran calificados no seu día polo PSOE como unha labazada a Galiza. 

A modo de exemplo lembrou que o goberno presume dunha partida de. 1500 millóns de euros para a mellora do tren de cercanías, unha partida á que Galiza non se poderá acoller polo simple feito de que aínda hoxe carece de tren de cercanías, a pesar de ser unha demanda de décadas do BNG. 

Illa de Tambo, protección sonora da AP9 e recuperación do borde litoral entre A Barca e Lourido

Pola súa banda, a responsábel local do BNG en Poio, Marga Caldas, e o alcalde de Poio, Luciano Sobral, fixeron unha relación das emendas referidas a Poio, e que son recurrentes, xa que se trata de demandas históricas que até o de agora non foron atendidas polos distintos gobernos do Estado.

En primeiro lugar, cun investimento de un millón de euros, citaron a recuperación patrimonial e medioambiental da Illa de Tambo, a súa transferencia ao Concello de Poio e a súa inclusión nas Illas atlánticas. Trátase dunha demanda que o BNG levou como emenda a todos os orzamentos do Estado mentres tivo representación no Congreso.

En segundo lugar, con 250.000 euros, está a protección sonora da AP-9, unha demanda recurrente por parte do BNG que permitiría amortiguar o forte impacto sonoro da AP9 sobre os veciños e veciñas da Barca. O alcalde de Poio, Luciano Sobral, lembrou que o persistente ruído se produce “todas as horas do día e todos os días do ano”, e que o BNG desde o Concello leva anos reivindicando, man a man coa asociación de veciñ@s da Barca, a construción desta pantalla protectora, que redundaría moi favorabelmente na calidade de vida de todo o vecindario. 

E, por último, citaron o acondicionamento e recuperación do dominio público marítimo-terrestre entre a Barca e Lourido, que continuaría coa política de recuperación do borde litoral emprendida polo Concello de Poio e permitiría conectar mediante unha senda litoral A Seca con Pontevedra. Luciano Sobral afirmou que é unha actuación doada de realizar e cun baixo custe económico (200.000 euros), polo que a súa realización é só cuestión de vontade política. Lembrou que en 2005 grazas ao BNG xa se incluira unha partida para a elaboración do proxecto, que quedou paralizada en 2015, coa perda de representación do nacionalismo no congreso. “Agora volvemos insistir, porque a recuperación da ría e da mobilidade peonil entre Poio e Pontevedra son obxectivos prioritarios para o BNG e para o goberno municipal¨, insistíu..

Poio reclama 1.450.000 euros dos Orzamentos do Estado