Ana Pontón pon en valor o Plan Revitaliza, que coloca Pontevedra na vangarda mundial da compostaxe

Pontevedra-19-04-2018-web-9
Reunión con colectivos veciñais que apoian decididamente a compostaxe nos seus barrios e parroquias, para coñecer de primeira man as súas opinións
Ana Pontón pon en valor o Plan Revitaliza, que coloca Pontevedra na vangarda mundial da compostaxe

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón visitou este xoves 19 o concello de Pontevedra para coñecer máis de perto a técnica e grao de execución do Plan Revitaliza do que dixo, “coloca a Pontevedra na vangarda mundial da compostaxe”. Ana Pontón destacou que a iniciativa do concello gobernado polo nacionalista, Miguel Anxo Fernández Lores e a Deputación de Pontevedra, da man de César Mosquera, está a converter a esta cidade e á provincia nun “referente internacional no tratamento comunitario da compostaxe”, como xa ocorrira anteriormente, dixo, con medidas para mellorar a mobilidade, seguridade vial e accesibilidade, recoñecidas a nivel mundial. Neste sentido, afirmou que é marca dos concellos do BNG optar por reivindicar a política coma unha ferramenta de transformación real e por iso faise imprescindíbel planificar acción reais.

Neste marco e neste mandato o goberno municipal de Pontevedra xunto coa Deputación Provincial puxo en marcha un programa novidoso de xestión dos residuos. O Plan Revitaliza da Deputación é o soporte sobre o que 36 concellos (o 59% dos da provincia) xa compostan: Pontevedra é o mellor estudo de caso do programa coa implantación de composteiros comunitarios en zonas urbanas e rurais.

A día de hoxe, hai algúns fitos que poñen Pontevedra na vangarda do coidado e o respecto polo medio: O campus da Xunqueira é o único de Europa que non xera ningún residuo orgánico, mentres que a Cidade Infantil Príncipe Filipe xunto co CFP Carlos Oroza son a maior instalación do seu tipo en Europa que composta e reutiliza todos os seus residuos orgánicos.

Doutra banda, as políticas nacionalistas sempre son participadas. Neste senso a cidade presume dunha excelente relación coa Universidade de Vigo. O Campus Crea de Pontevedra, adapta a súa filosofía a marca da cidade e é o primeiro campus do Estado Español co selo Green Campus. 

A Portavoz Nacional do BNG lembrou que nos vindeiros meses van ser aprobadas novas normativas no ámbito da reciclaxe que prohibirán depositar residuos nos vertedoiros e obrigarán a tratar como mínimo o 50% dos biorresiduos. Neste sentido, recalcou que o concello de Pontevedra e o nacionalismo é capaz de converterse nun referente internacional na xestión de residuos e na compostaxe comunitaria “cuns magníficos resultados” segundo confirman os expertos e expertas neste ámbito.

Pontevedra-19-04-2018-web

Por outra parte, salientou a grande implicación social no proxecto Revitaliza que está a producir unha composta de “altisima calidade. Dende Galiza, dixo, temos que sentirnos orgullosos desta inciativa porque abre un camiño polo que transitar.

O nacionalismo foi quen de poñer en marcha en Pontevedra “un cambio real de cidade, un modelo de mobilidade urbana e agora estamos dando outro paso adiante na xestión dos residuos” cara unha “xestión sostible”, apostilou.

A portavoz do BNG acompañada do Alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a deputada provincial, Eva Vilaverde, a concelleira de urbanismo e promoción da cidade, Anabel Gulías e o concelleiro e responsable comarcal do BNG, Demetrio Gómez visitaron o Campus, onde se entrevistaron con responsábeis da Escola de Enxeñaría Forestal. Previamente, a delegación do BNG mantivo un encontro co resposable Técnico do Plan Revitaliza, Carlos Pérez e, con posterioridade, unha reunión con entidades veciñais colaboradoras na aplicación da compostaxe individual e comunitaria. Na reunión participaron representantes da AA.VV. Eduardo Pondal, AA.VV. de Lérez, AA.VV. de Monte Porreiro, AA.VV. Heroes do Campo da Porta de Salcedo, AA.VV. Salcedo Norte, CMVMC de Salcedo e Mancomunidade de Montes de Pontevedra. AA.VV. da Parda e a CMVMC de Tomeza que transmitiron á portavoz do BNG as vantaxes dos composteiros comunitarios.

 

Ana Pontón pon en valor o Plan Revitaliza, que coloca Pontevedra na vangarda mundial da compostaxe