Perserveran no pacto anti-natura: Non imos permitilo

pontevedra-12-800x450, LORES
pontevedra-12-800x450, LORES
Perserveran no pacto anti-natura: Non imos permitilo

Ante a insistencia da oposición de perseverar no pacto antinatura de PP, PSOE, En Marea e Ciudadanos, o noso compañeiro Miguel Anxo Fernández Lores, anunciou que o proxecto de orzamentos presentado polo goberno vai ser debatido nunha nova sesión plenaria o vindeiro venres 23 de decembro.

A seguir, o Alcalde expón os seus motivos para adoptar esta decisión:

"A Alcaldía ten a obriga de presentar á votación plenaria o proxecto de orzamentos en tempo e forma.

Os Orzamentos para 2017 xa chegan tarde por mor dos intentos do goberno municipal de negociar cos interlocutores sociais e coas forzas políticas presentes na Corporación, proceso longo que permitiu incorporar aportacións para así dar mellor satisfacción ao interese xeral.

Non foi posíbel, até o dia de hoxe, chegar a ningún acordo con ningunha das forzas políticas da oposición pois todas tiñan xa predefinido o sentido do seu voto, como queda ben demostrado co feito de que a este goberno púñanlle condicións moito máis fortes e esixentes que as que pactaron na elaboración do Orzamento da Oposición alternativo ao Orzamento desta Alcaldía. 

Sen extenderme na casuística, o PP, esixía ao goberno unha diminución de ingresos no IBI para absterse e, sen embargo, vota despois a favor do Orzamento da Oposición alternativo que non recolle ningunha rebaixa do IBI.

O PSOE, esixía unha serie ilimitada de condicións previas que non figuran por ningún lado no Orzamento da Oposición alternativo que votaron afirmativamente.

Tanto Marea como Ciudadanos xa anunciaron previamente que non ían negociar nada e se oporían ao Orzamento do Goberno fosen cales fosen as enmendas ou modificacións que se lle introducisen.

Ante este posicionamento dos grupos da oposición, podería ter renunciado a cumprir coa miña obriga de tentar aprobar uns Orzamentos para 2017 e funcionar cos prorrogados, cousa que xa ten feito en outras ocasións. A diferenza agora vén dada pola nova normativa de estabilidade orzamentaria e teito de gasto: unha prórroga suporía ter que prestar menos servizos aos cidadáns en anos sucesivos, consecuencia prexudicial da prórroga que non existía hai algúns anos.

Por responsabilidade coa administración e cos veciños e veciñas de Pontevedra, teño pois a obriga e o dereito de presentar uns orzamentos e que estes se voten no Pleno.

 

Dous orzamentos diferentes

Como consecuencia de todo o anterior, chegamos a ter dous orzamentos diferentes:

Por un lado, o orzamento do goberno proposto pola Alcaldía, elaborado e entregado aos distintos Grupos coa antelación suficiente e con todos os informes favorábeis en tempo e forma.

E, por outro, un orzamento da Oposición alternativo pactado polos Grupos da oposición vía enmendas cruzadas, manifestamente ilegal, como poñen de manifesto o Informe de Intervención, o único preceptivo, e que estaba no expediente cando se convocou o Pleno, así como os sucesivos informes posteriores de Tesourería, Intervención e o informe conxunto de asesoría xurídica e secretaría xeral do Pleno, e que se emitiron ante a evidente chapuza do Orzamento da Oposición pactado polo PP, PSOE, C’s, e Marea. As fragantes ilegalidades non están corrixidas polas enmendas ás enmendas, nalgún caso enmendas ás enmendas das enmendas que presentaron o venres. Seguen a ser ilegais.

A ninguén se lle escapa, e as declaracións públicas de algúns dos representantes dos Grupos da oposición así o poñen de manifesto que o pacto para chegar aos Orzamentos da Oposición alternativos tiña tres obxectivos fundamentais:

  • Entorpecer ao máximo a xestión con unha enmenda, ilegal, ás bases de execución que levaría a unha parálise do Concello.
  • Obrigar ao goberno a ter que renunciar a todas e cada unha das medidas contempladas no seu programa electoral.
  • Evitar que o Goberno poidera facer uso do mecanismo legal da moción de confianza.

Calquera destas tres finalidades espúrea e contraria á lexislación.

Utilizando subterfuxios e lagoas interpretativas que van radicalmente en contra do espiritu das normas en vigor, pactaron un Orzamento da Oposición contraditorio, disfuncional e ilegal, radical e profundamente ilegal como temos visto.

Eu non son xurista nin moito menos administrativista, pero levo escoitado toda a miña vida municipal que os actos administrativos hai que motivalos. A Memoria da Alcaldía é a motivación dos Orzamentos. Pois ben, o Orzamento da Oposición mantén a Memoria orixinal con unha motivación que o contido do orzamento da oposición contradí frontalmente. O mesmo que se unha sentencia motiva e argumenta a culpabilidade e no fallo absolve. Unha aberración xurídica e administrativa.

Ten a oposición mecanismos legais para facer valer de xeito construtivo as súas propostas. Se foron quen de pactar un orzamento alternativo, que é unha moción de censura encuberta, teñen a súa disposición a figura da moción de censura aberta e a peito descuberto, que poden presentar en calquera momento.

Pero o que non pode a oposición, por moita maioría numérica da que dispoña, é gobernar desde a oposición nin pretender evitar que o goberno utilice os mecanismos legais para gobernar. Quen respondemos e damos conta ante os veciños e veciñas e, no seu caso, ante consello de contas, tribunal de cuentas, ministerio de Facenda, tribunais, acreedores, somos o goberno, non a oposición

 

A miña obriga de Alcalde

Mentres eu sexa Alcalde, vou a pór todos os medios para cumprir coas miñas obrigas, e, polo tanto, non vou a permitir xogarretas nin cambadelas que paralicen o concello ou imposibiliten a acción de goberno. 

Polo tanto, cumprindo coa miña obriga de someter a votación os orzamentos da Alcaldía e exercendo o meu dereito a que se voten, hanse votar os orzamentos do goberno. 

O uso e abuso dos vericuetos procedimentais, que se o orzamento orixinal do goberno vén a este Pleno como voto particular e o orzamento da oposición pactado contra o goberno vén como dictame ilegal da comisión informativa que se outros formalismos deste tipo non poden limitar nin dilatar sine die o dereito da Alcaldía a que se sometan a votación os orzamentos orixinais.

Teñen, na oposición, toda a liberdade para definir o seu sentido de voto e votarán en contra se así o deciden, pero os orzamentos orixinais vanse a someter a votación, dado que non hai ningún motivo formal nin material para non facelo e o tempo apremia.

Só faltaría que non se votasen os orzamentos da Alcaldía porque a oposición se trabucou co orzamento que pactaron facendo un documento ilegal e incongruente. Só faltaría!!

A maiores, e agardo que non teña ocurrido, se discurriron e pactaron conxuntamente calquera artimaña ou vía torticeira para evitar que os orzamentos orixinais da Alcaldía se poidan someter a votación, non van a conseguir o seu propósito. Os orzamentos da Alcaldía vanse someter a votación.

 

Un chamamento á sensatez

E remato con un chamamento á sensatez. Un erro cométeo calquera; un intre de ofuscación teno calquera. Deixarse quentar a cabeza por sofisticadas triquiñuelas legais propias de “avogado da silveira” pode pasarlle a calquera. Pero en frío, coa cabeza e as ideas repousadas, as cousas deben verse con outra óptica.

Facer unha fronte común de toda a oposición, impedir que o goberno teña posibilidade de pactar con algún grupo, sexa o mesmo ou variábel segundo os asuntos, creo que é a pior das alternativas para superar as dificultades dunha situación complexa.

A oposición ten que reflexionar: que deixen gobernar ou que presenten unha moción de censura, pero non poden seguir máis con ese Pacto Obstrucionista liderado polo Partido Popular.