A pasividade do goberno municipal de Caldas fomenta a aparición de novos vertedoiros

Manu Fariña
Manu Fariña
A pasividade do goberno municipal de Caldas fomenta a aparición de novos vertedoiros

O BNG ven de denunciar perante o Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil (SEPRONA), así como das autoridades municipais, o depósito de decenas de colectores cargados de residuos industriais sen ningún tipo de control nin autorización.

Diferentes veciños e veciñas alertaron nos últimos meses da presenza deste “depósito incontrolado” de residuos sen que as autoridades municipais movesen un só dedo para controlar e reverter esta situación, de forma que cada vez foron aparecendo máis colectores cargados de lixo.

Esta situación pon de manifesto a política de “oídos xordos” do goberno municipal nestas situacións, pois malia que o equipo de goberno coñece esta situación dende hai meses prefiren xogar ao xogo da avestruz, agochando a cabeza baixo terra e deixando o tempo pasar sen facer absolutamente nada.

Dende o BNG observamos con preocupación como a realidade contradí unha e outra vez as declaracións do goberno municipal, pois malia ter pregoado en diversas ocasións o seu compromiso co medio ambiente, a realidade deixa, unha vez máis, ao descuberto a súa pasividade e inoperancia no referido á protección e conservación do medio.

“Caldas debe ser un concello que coide e protexa o medio ambiente, un concello que loite contra o cambio climático” afirmou o portavoz municipal do BNG. “Non consentiremos de ningunha maneira que pretendan converter a Caldas no destino dos residuos industriais do sur de Galiza” sentenciou Manuel Fariña.

A pasividade do goberno municipal de Caldas fomenta a aparición de novos vertedoiros