O novo edificio de Arqueoloxía do Museo construirase en Valdecorvos

César Mosquera
César Mosquera
O novo edificio de Arqueoloxía do Museo construirase en Valdecorvos

"É necesario un edificio dedicado especificamente a arqueoloxía porque o Museo de Pontevedra é o Museo de referencia dos restos arqueolóxicos que aparecen en toda a provincia e iso precisa un tratamento específico nun espazo específico que se leva moi mal nun edificio urbano" asegurou César Mosquera cando anunciou que o Concello cederá unha parcela á Deputación para a construción de dito edificio. Trátase dunha parcela municipal de unha hectárea de superficie, situada na rúa Prado Novo, en Valdecorvos (a carón da finca protexida do coñecido como Pazo dos Pita).

O concelleiro de Mobilidade asegurou que a cesión se realizará mediante convenio e "canto antes" coa intención de axilizar todo o proceso. Como exemplo indiciou que a Deputación non pode comezar co estudo xeotécnico ata que se poñan os terreos á súa disposición. Mosquera sinalou como previsión que o novo edificio poida estar construído e dotado na altura do ano 2021.

Tamén indicou que, antes de seleccionar a parcela de Valdecorvos, se valoraron outras opcións como a imprenta da Deputación, o polígono de Barro, a contorna do Castelo de Soutomaior ou o Pazo de Liñares. Mais finalmente a elección da parcela de Valdecorvos contou co acordo "tanto do Concello, por unha cuestión de crear cidade, como da dirección do Museo, por unha cuestión de proximidade", asegurou. Tamén salientou que a superficie "é suficiente para facer un edificio moi digno", ao tempo de afirmou que "a pretensión é que sexa un edificio noble".

Adiantou que os principais fondos que acollerá o novo edificio serán achados pétreos e que constará de tres zonas diferencias. A principal estará dedicada a almacenaxe e, a maoires, disporá dunha zona de oficinas e laboratorio para clasificar e catalogar os fondos, e unha terceira parte visitable orientada a investigadores e investigadoras.

Debido ao tipo de fondos, e tendo en conta o peso das pezas e a dificultade para movelas, o edificio deberá contar tanto cunha cimentación e unha altura adecuadas para estas necesidades, así como cun aparcadoiro con capacidade para acoller o tipo de vehículos que se requiren para o seu transporte.

Mosquera tamén informou que nos orzamentos da Deputación para o exercicio 2020 xa se reservou unha partida de un millón de euros que podería incrementarse con remanentes para este proxecto, e que o edifico na súa totalidade podería chegar a ascender a 3 ou 3,5 millóns de euros, en función de como se atope o solo e a cimentación que requira. Tamén indicou que o edificio ocupará da orde de 3.500 ou 4.000 metros dos 10.000 da parcela.

Por último, lembrou que esta actuación se enmarca dentro "dunha política ambiciosa de dotación de espazos e de reorganización do Museo, basicamente porque é o máis importante de Galiza e ten unha cantidade de fondos que tal e como están organizados non se lle está sacando todo o rendemento que merecen".