Os nenos e nenas da escola infantil de Arcade levan sen auga quente dende o inicio

Manu Lourenzo, Portavoz do BNG en Soutomaior
Os nenos e nenas da escola infantil de Arcade levan sen auga quente dende o inicio

As nenas e nenos da escola infantil A Galiña Azul de Arcade levan máis de dúas semanas sen auga quente. Nais e pais dos nenos afectados puxéronse en contacto cos membros do BNG de Soutomaior para que denunciaran esta situación ante o concello, xa que a deixadez do grupo municipal do PP está a provocar importantes problemas tanto nos nenos coma nas traballadoras da escola infantil.

Nese sentido, o voceiro do BNG Manu Lourenzo sinalou que “non é de recibo que despois de todo un mes de agosto no que as escola infantil estivo pechada por vacacións, se acorden de facer obras co curso xa empezado. Isto é algo que non acontece en ningún sitio do mundo. Pero se isto é grave de por si, moito máis o é que nenas e nenos do ensino público, na escola infantil de Soutomaior leven máis de dúas semanas sen auga quente en pleno século XXI”

O edil nacionalista sinalou tamén que a falta de responsabilidade do PP de Soutomaior é moito máis grave se temos en conta que estamos a falar de nenos de 0 a 3 anos. De bebés que en moitísimas ocasións precisan de empregar a bañeira para cambialos ou para limpalos, e as traballadoras atópanse con que non hai auga quente. “A falta de previsión e de responsabilidade é simplentemnte dramática” sinalaba “xa que afecta a toda a vida educativa, dende problemas coa hixiene dos nenos, ata dificultades para cociñar, limpar ou ruídos e molestias que os nenos e traballadoras teñen que soportar no horario lectivo.

Este é un máis dos problemas que a xestión do PP está a producir na escola pública municipal, problemas que se suman aos retrasos na apertura, ás carencias nas instalacións ou á alarmante falta de prazas.

Dende o BNG esixen a Agustín Reguera que solucione esta situación de xeito inmediato xa que os nenos non teñen que ser os responsables da súa incapacidade. É simplemente lamentable ver como hai uns días os membros do PP local perderon a mañá de paseo polo concello con Dolores de Cospedal, mentras os nosos nenos de 0 a 3 anos están sen auga quente na escola infantil.

Os nenos e nenas da escola infantil de Arcade levan sen auga quente dende o inicio