Monte Vivo PO2: un anel verde de protección

O programa Monte Vivo PO2 busca dignificar o monte, previr incendios forestais e transformar o monte nun recurso sustentábel social e economicamente
Monte Vivo PO2: un anel verde de protección

Crear un anel verde de protección para todo o concello, tanto para a cidade como para os núcleos rurais, é o obxectivo das liñas de traballo do programa Monte Vivo elevado a PO2. Así o anunciou o concelleiro responsable de Montes e Parques Forestais, Alberto Oubiña, quen presentou o que denominou “o trazo groso” deste programa que acada neste mandato “unha nova dimensión”.

A nivel xeral, os parámetros nos que se basea esta nova edición de Monte Vivo, agora enmarcado na estratexia PO2, son os de dignificar o monte, loitar contra os incendios desde a perspectiva da prevención, e transformar o monte nun recurso sutentable, diversificando as plantacións e promovendo espazos de lecer e accións para que a xente se achegue e o coñeza. “Non será un traballo sinxelo, nin rápido e tardarán en verse o froitos, pero é un traballo necesario, que debe facerse de forma continuada, constante e, o máis importante, de xeito ordenado” asegurou Oubiña.

O concelleiro adiantou que serán tres as principais liñas de traballo de cara a acadar estes obxectivos:

  • Sendas forestais e rurais. Esta liña entronca co traballo xa inciado e desenvolvido nos últimos anos, a través dun proxecto guiado polos Plans de Parroquia, co obxectivo de recuperar sendas e camiños para o ocio e o deporte, e que transcorren tanto por espazos públicos como por zonas de titularidade comunal. Alberto Oubiña cualificou esta rede de sendas como “os capilares que atravesan o monte que, de feito, se se ven no plano semellan capilares” e explicou que esta liña de actuación se consumará “co proxecto EDUSI que procura a unión de todas as parroquias na ruta circular intraparroquial”.

 

  • Parques Forestais. Neste caso, Oubiña cualificou os Parques Forestais como “as veas”, nas que se contarán os futuros parques da Tomba e da Fracha, que se sumarán ao do Pontillón do Castro. A filosofía neste ámbito é o de crear espazos de lecer ao aire libre alternartivos e diversificar a produción

 

  • Accións en colaboración coas Comunidades de Montes. Esta liña suporía “as arterias do proxecto”, en palabras do concelleiro. Oubiña indicou que as comunidades de montes de Pontevedra traballan diariamente de xeito voluntarioso co obxectivo de mellorar as condicións do monte e de facelo rendible e usable, unha perspectiva que “coincide cos nosos intereses, por iso queremos continuar a traballar con eles para maximizar este obxectivo”. Neste último punto, lembrou que no pasado mandato se iniciara un estudo do monte do que en breve se comezarán a extraer conclusións e accións enfocadas a cumprir os mencionados obxectivos de rendibilidade e sustentabilidade.

 

Pontevedra como referencia

Alberto Oubiña indicou que Pontevedra xa leva realizado un importante traballo en materia de loita contra o cambio climático nas últimas dúas décadas e que, neste sentido, xa ten unha posición de referencia ante os retos da emerxencia climática lanzada recentemente. Como exemplo citou a intervención da concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, na Cumbre ‘Healty Streets 2019’ en Glasgow, onde presentou a campaña Efecto PO2.

“Temos moito traballo realizado pero nunca é suficiente, por iso precisamos traballar na ampliación” afirmou. Indicou que o camiño iniciado con actuacións como a mellora e recuperación de espazos naturais como os dos ríos Rons, Lérez e Gafos ou o Parque Forestal de Verducido, segue avanzando coa posta en marcha deste novo programa, centrado en dar solución á actual problemática do monte. Entre os grandes retos que presenta citou especialmente o caso dos incendios e asegurou que “a tipoloxía dos incendios mudou nos últimos anos polo abandono do rural e o descoido do monte, e agora son máis virulentos, máis rápidos e máis perigosos”. Para afrontar esta situación falou da necesidade imperiosa dunha “política forestal diferente fóra do monocultivo de especies foráneas, de crecemento rápido e de alto risco de incendio”.