Madrid e Londres, próximas citas na axenda 'Efecto PO2'

Benito Corbal
O Modelo Pontevedra e o seu efecto sobre a contaminación serán obxecto de exposición e debate en Madrid e Londres a vindeira semana
Madrid e Londres, próximas citas na axenda 'Efecto PO2'

A transformación urbana de Pontevedra e a súa relación co coidado e preservación do medio ambiente, tal e como se recolle na campaña 'Efecto PO2', serán protagonistas en dúas citas que terán lugar a vindeira semana en Madrid e Londres.

O martes 11, será o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, quen participe na xornada 'Zonas de baixas emisións contra a contaminación e a emerxencia climática' que terá lugar na Oficina da Unión Europea en Madrid. Esta xornada está organizada por Ecologistas en Acción e segundo indican no seu convite "Pontevedra parécenos un dos mellores exemplos de como é posible restrinxir o tráfico nas cidades para mellorar a calidade do aire e reducir as emisións". Fernández Lores terá unha primeira intervención pola mañá, ás 12:30h, para expoñer o Modelo Pontevedra. Na sesión da mañá tamén partiparán representantes do Ministerio de Transición Ecológica, do CSIC, e dos concellos de Milán e de Londres. Pola tarde, o alcalde pontevedrés participará nun debate de peche de xornada, ás 16:15h, con representantes municipais de Barcelona, Valladolid, Valencia e Madrid, que falarán sobre a emerxencia climática e a contaminación atmosférica.

O mércores 12, a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, participará en Londres na segunda xornada de Move2020 'Mobilidade Re-Imaxinada'. A intervención de Anabel Gulías terá lugar ás 14:10 (hora local) e leva por título 'Cidades máis limpas, menos tráfico: probando a peonalización de Pontevedra', e enmárcase no panel 'Tráfico intelixente'. Move2020 é un evento centrado na mobilidade na que se dan cita especialistas en diversas disciplinas e representantes políticos de todo o mundo para promover a análise e a reflexión sobre a necesidade de impulsar cambios e innovar en materias como o tráfico, a mobilidade, as infraestruturas ou a enerxía. 

Madrid e Londres, próximas citas na axenda 'Efecto PO2'