Luís Bará: "Galiza é un país con futuro se nos deixan facer as cousas por nós mesmos"

Luís Bará: "Galiza é un país con futuro se nos deixan facer as cousas por nós mesmos"

rolda-presentacion-luis-bara-6-480x320Pontevedra 11 de maio de 2016. Luís Bará presentouse en Pontevedra como aspirante a liderar a lista do BNG pola provincia ás eleccións xerais do vindeiro 26 de xuño, e fíxoo nun espazo emblemático: a carón do monumento a Castelao. Bará defendeu que é preciso que o BNG estea en Madrid con representación propia para que Galiza poida defender os seus intereses “a diferenza do que ocorreu nos últimos meses”. “Somos un país con futuro se nos deixan facer as cousas por nós mesmos”, subliñou.

Bará destacou que o BNG quere facer unha campaña en positivo, centrada na defensa das potencialidades que ten Galiza para saír adiante. “Non negamos que vivimos unha situación dramática, de emerxencia nacional e tamén social, que está castigando a amplos sectores, sobre todo ás clases traballadoras populares, pero pensamos que coas nosas forzas, que coas forzas políticas propias, co traballo da xente do país, sen que nos esmaguen, podemos sacar o país adiante”, salientou.

“Hai un traballo que podemos facer. O BNG é unha forza útil e necesaria na que a cidadanía pode confiar, como ocorreu en anteriores lexislaturas nas que se estivo á altura facendo que Galiza estivese presente, a diferente destes últimos cinco meses, nos que moita xente botou en falta unha forza propia como o BNG no Parlamento”, asegurou.

É necesario un grupo propio galego en Madrid "adiferenza do que ocorreu nos últimos meses"

O aspirante a liderar a lista nacionalista pontevedresa destacou que a súa candidatura foi unha proposta da comarca de Pontevedra e manifestou ter moita “enerxía e ilusión” para asumir a responsabilidade que se lle encomendou. “Creo que estamos nunha fase nova, de fortalecemento do BNG a través do proceso Adiante!. A miña función é animar ilusionar, motivar á xente que está no BNG e ao seu redor, pero tamén a outra con sensibilidade nacionalista e que pensa que é útil para o país que o BNG estea en Madrid”, dixo. Neste sentido destacou que a súa elección supón un respaldo ao modelo aplicado en Pontevedra, unha comarca na que hai unha “potente presenza institucional, alcaldías, importante militancia e representación política”. “Agardo que electoralmente se note ese respaldo”, finalizou.

En canto á marca coa que se afrontan os comicios xerais nesta ocasión, na que o BNG ten un papel protagonista fronte ao 20D, Bará recoñeceu que “o concorrer con outra marca supuxo un revés, pero nós estamos nunha forza política que nunca tivo as cousas fáciles. É o momento de dar o paso e afrontar o reto coa máxima dedicación e empeño para acadar os mellores resultados”, finalizou.

rolda-presentacion-luis-bara-5 480x320Na súa presentación, ante o monumento a Castelao de Pontevedra, Bará estivo arroupado por unha representación do Consello Comarcal, entre os que estaban os alcaldes de Pontevedra e Poio, Miguel Anxo Fernández Lores e Luciano Sobral; o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera; pola deputada provincial e responsábel comarcal, Eva Vilaverde; polos concelleiros Demetrio Gómez, Anabel Gulías, Carme da Silva, Anxos Riveiro, Pilar Comesaña e Vicente García Legísima (Pontevedra), Olalla Obelleiro (Soutomaior), Cecilia Tarela (Pontecesures), Lidia Salgueiro (Poio) e Marcos Suárez (Moraña); así como por Alberte Fernández Silva, responsable comarcal de Galiza Nova; Fernando Herrero, membro do consello comarcal de Pontevedra e militante de Soutomaior; Paulo Carracedo, militante de Cuntis e candidato; Diego Moreira, responsábel local de Soutomaior; o ex secretario comarcal da CIG, Rafael Iglesias; ou Alba Cuba Dorado, aspirante ao Senado.

Xa pola tarde, a candidatura encabezada por Luís Bará foi aprobada por unanimidade e aclamación pola Asemblea Comarcal do BNG.