Luís Bará compromete que o BNG priorizará na Xunta a elaboración dun Plan Integral de Mellora da PO-308 en Poio

BNG PO308 POIO
BNG PO308 POIO
Luís Bará compromete que o BNG priorizará na Xunta a elaboración dun Plan Integral de Mellora da PO-308 en Poio

Poio precisa un Plan de Mellora Integral para a PO-308 que o BNG se compromete a impulsar unha vez chegue á Xunta de Galiza. Así se manifestou o cabeza de lista do Bloque Nacionalista Galego, Luís Bará, nunha reunión con membros da plataforma de persoas afectadas pola estrada.  

Acompañado pola concelleira Marga Caldas e por outros representantes orgánicos e institucionais do BNG, Bará recoñeceu que a PO-308 é unha travesía urbana que precisa dunha reurbanización e redeseño urxente para corrixir as súas deficiencias en seguranza viaria. 

“Ten moitísima sinistralidade. Nos últimos anos houbo moitos accidentes con vítimas mortais, con moitos atropelos, e require unha actuación en serio”, afirmou, para engadir que as actuacións parciais que se están a realizar por parte da Xunta de Galiza non resolven a problemática global da estrada, que ademais atravesa núcleos moi habitados. Bará insistiu en que “non pode ser que para as persoas que viven na súa contorna sexa unha ameaza permanente e un risco saír da casa, atravesar a estrada sen seguridade, sen accesibilidade, sen beirarrúas e sen unhas dotacións mínimas para un vial destas características”. 

O BNG impulsará a Alternativa Norte para desviar o tráfico de San Salvador

En concreto, no que se refire o núcleo de A Barca e Ferreirós, o cabeza de lista subliñou que é preciso impulsar dende o Goberno da Xunta da man do BNG a chamada ‘Alternativa norte’ para ter unha proposta de desvío do tráfico que permita logo urbanizar e dar características urbanas á actual travesía, pola que pasan 15.000 vehículos/día.

Bará lembrou que o ‘vial norte’ foi aprobado no ano 2010, pero mantense paralizado dende a Xunta de Galiza por unha decisión partidista. “Estamos a ver como están investindo noutras zonas desta estrada e noutros concellos por simpatía política. Nós entendemos que esta é unha actuación de xustiza que non debe mirar cores políticas porque beneficia ás persoas. O que manifestamos é o noso compromiso, do BNG, para dende o goberno da Xunta impulsar estes proxectos que levan 10 anos no caixón”, finalizou.

Pola súa banda a concelleira Marga Caldas lembrou que a mellora da PO-308 é unha demanda histórica, polo que aplaudiu o compromiso para a súa mellora. “É preciso adoptar todas as medidas oportunas, porque hai datos, estatísticas, sinistros demostran que é un punto negro do Concello de Poio”, dixo. 

Representantes da Plataforma de afectadas pola PO-308 lembraron tamén que son moitas as voces que reclaman que se tome en conta a problemática da estrada nos seus diferentes puntos. “É precisa a mellora da seguranza viaria e a humanización da estrada para que haxa boa convivencia entre toda a veciñanza, xa que hai moitos puntos negros”, insistiron.

Luís Bará compromete que o BNG priorizará na Xunta a elaboración dun Plan Integral de Mellora da PO-308 en Poio