Lores urxe a tramitación dun novo Decreto-Lei sobre remanentes máis xusto e ecuánime

Lores urxe a tramitación dun novo Decreto-Lei sobre remanentes máis xusto e ecuánime

Pontevedra, 2 de setembro de 2020. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, participou no día de onte na segunda xuntanza telemática de alcaldes do Estado para propoñer medidas alternativas ao Decreto-lei sobre remanentes do Ministerio de Facenda. Nesta ocasión, o número de cidades participantes ascendeu a 31 (na primeira participaran 10), cun amplo espectro político representado, que acordaron reclamar un novo decreto por tramitación urxente toda vez que fracasaron os intentos de negociación tanto coa Ministra de Facenda directamente como a través da FEMP.

Fernández Lores explicou ao remate do encontro que "sendo conscientes de que os alcaldes que estabamos alí temos moitas diferencias que nos separan, incluso en política municipal, puxemos en común o que nos une que é, nin máis nin menos, o rexeitamento a un decreto que nos queren impoñer desde o Goberno do Estado, que é un decreto inxusto e discriminatorio e que non sirve para as necesidades que temos os Concellos derivadas da crise da Covid-19". Neste sentido, o alcalde pontevedrés expuxo dúas cuestións que foron incluídas no acordo final:

  • Que o novo decreto recolla un fondo municipal independente da situación financeira de cada Concello e que permita atender as demandas dos veciños e veciñas. Neste apartado, puxo como exemplo o fondo destinado polo Goberno central á Comunidades Autónomas, que non tivo en conta a situación financeira de cada unha senón que se distribuíu "con criterios teoricamente obxectivos e máis ecuánimes".
  • Que, mentres dure a crise derivada da Covid-19, non se aplique a Lei Montoro nos aspectos referentes á regra de gasto, déficit e estabilidade, porque estes tres aspectos da Lei Montoro impiden a utilización dos recursos económicos dos Concellos, que poden ser remanentes, superavit, ou acudir a débeda.

Miguel Anxo Fernández Lores volveu referirse ao 'Real Decreto-lei 27/2020, de 4 de agosto, de medidas financeiras, de carácter extraordinario e urxente, aplicables ás entidades locais' como "unha incautación en toda regra e ademais discrimitoria, porque teoricamente parte deses cartos irían para os Concellos pero só para os que teñen remanentes". Tamén explicou que "aínda así eses cartos virían a través dunha previsión orzamentaria, o que implicaría facer un proxecto, aprobalo, financialo e executalo para que logo che dean unha subvención, polo que non é verdade que eses 5.000 millóns nos vaian dar liquidez." Neste sentido, volveu insistir en que Pontevedra, tras cumprir escrupulosamente coa Lei Montoro "temos uns aforros e unha liquidez que non se nos permite utilizar" e que "como alcalde de Pontevedra non quero que lle toquen ao peto dos pontevedreses".

Ademais o alcalde de Pontevedra, na reunión  estiveron presentes os alcaldes e alcaldesas de Alicant, Almería, Badajoz, Badalona, Barcelona, Cádiz, Córdoba, Girona, Granada, Lleida, Madrid, Málaga, Marbella, Murcia, Ourense, Oviedo, Palencia, Pamplona, Pozuelo de Alarcón, Reus, Salamanca, Santander, Santa Cruz de Tenerife, Tarragona, Telde, Terrassa, Teruel, Torrelavega, Valencia e Zaragoza.

Lores urxe a tramitación dun novo Decreto-Lei sobre remanentes máis xusto e ecuánime