Lores participa nunha mesa redonda sobre as cidades do mañá, organizada pola entidade francesa "la Meute d'amour"

Notre terre, on l'aime !
Notre terre, on l'aime !
Lores participa nunha mesa redonda sobre as cidades do mañá, organizada pola entidade francesa "la Meute d'amour"

Pontevedra, 8 de maio de 2020. ’Ralentir, est-ce possible?' / 'Reducir velocidade, é posible?', é o título da mesa redonda na que participará mañá, sábado, o alcalde de Pontevedra no marco da xornada 'Notre terre, on l’aime! Le festival qui pense demain', organizada pola entidade francesa 'la Meute d'amour'. Miguel Anxo Fernández Lores compatirá quenda de intervención, de 17:10 a 18h, con relatores como a especialista en estratexia urbana, Alice Cabaret; o arquitecto Philippe Madec; e o profesor da Sorbona Carlos Moreno. 

A participación de Fernández Lores nesta xornada obedece á proxección que o modelo urbano pontevedrés está tendo a nivel internacional nos últimos anos e que se ve reforzada, a raíz da crise sanitaria do Covid-19, coa busca de referentes en mobilidade sostible e pensada para as persoas que funcionen e estean xa contrastados, como é o caso de Pontevedra. Hai que lembrar, ademais, que no marco desta proxección internacional, o alcalde pontevedrés ten participado no Cumio do Clima de 2015, convidado pola alcaldesa de París, Anne Hidalgo, e polo presidente da Fundación Bloomberg; e no Forum Smart City Paris de 2018, ocasión na que tamén impartiu unha máster class na Universidade da Sorbona sobre o modelo de mobilidade pontevedrés. 

Repensar o mundo do mañá 

A xornada 'Notre terre, on l’aime! Le festival qui pense demain' ten por obxectivo repensar o mundo do mañá e inclúe, ao longo de todo o sábado, mesas redondas e intervencións virtuais de 50 personalidades entre as que se contan persoas do mundo científico, artístico, universitario ou representantes políticos. Todas as intervencións serán accesibles en directo por Zoom e retransmitidas en YouTube e Facebook, ás que se pode acceder a través da páxina web: https://www.lameutedamour.org 

La Meute d'amour explica na súa páxina web que quere convidar á cidadanía a repensar o mundo "antes" -de que se levanten as medidas de restrición impostas por mor da pandemia do Covid-19- para crear un contexto máis respectuoso coas persoas e o medio ambiente e que, ademais, sexa máis xusto e unido. Segundo indican elixiron a data por ser o Día Internacional das Aves Migratorias buscando un símil entre "a migración e a busca das aves que se fan eco das epopeias e as traxedias das persoas". 

O evento, que será integramente virtual e poderá seguirse pola plataforma zoom e por redes sociais, ten por obxectivo repensar o mundo tras a crise sanitaria do Covid-19

Entre os relatores que formarán parte da mesa redonda na que participa o alcalde de Pontevedra, destaca Carlos Moreno, científico e profesor da Universidade da Sorbona e precursor do concepto de 'cidade viva'. É o ideólogo das propostas da alcaldesa de París para reconvertir a capital francesa cara unha cidade centrada nas persoas, na mesma liña filosófica que xa o fixo Pontevedra. Carlos Moreno coñece o modelo urbano pontevedrés de primeira man, tras varias visitas á cidade do Lérez nos últimos meses. 

Pola súa banda, Alice Cabaret é unha especialista en estratexia urbana con experiencia na reconversión industrial creativa e na innovación urbana. É tamén fundadora e directora da entidade The Street Society. Mentres, o arquitecto Philippe Madec é considerado pioneiro no desenvolvemento sostible en urbanismo e arquitectura e ten realizado numerosas investigacións sobre pedagoxía e teoría arquitectónica. 

Lores participa nunha mesa redonda sobre as cidades do mañá, organizada pola entidade francesa "la Meute d'amour"