Lores cifra nuns 20 millóns de euros o investimento dispoñíbel no caso de derrogarse a Lei Montoro

Comisión de seguimento do COVID-19
Comisión de seguimento do COVID-19
Lores cifra nuns 20 millóns de euros o investimento dispoñíbel no caso de derrogarse a Lei Montoro

"Moita xente no Concello fixémonos expertos en xestión en crise sanitaria en tempo récord e agora toca preparar a porta de saída" asegurou o alcalde de Pontevedra na súa comparecencia tras a xuntanza da Comisión municipal de seguimento do Covid-19. Neste sentido anunciou que "estamos traballando en elaborar un plan de choque que facilite a reactivación da economía e transmitireille á Fegamp, á Femp, á Deputación e á Xunta a necesidade de coordinarse para demandar urxentemente a derrogación da Lei Montoro". Fernández Lores afirmou que esta derrogación "significa posibilitar a desaparación do teito do gasto, posibilitar a utilización dos remanentes e no caso dalgúns concellos, que non é o caso de Pontevedra, acudir ao endebedamento para poder facer esas medidas de reactivación".

O alcalde tamén anunciou que "temos calculado que no caso do Concello de Pontevedra, se desaparece a Lei Montoro e podemos utilizar os remanentes e subir o teito de gasto, podemos estar falando de 15 a 20 millóns de euros para destinar a este plan de choque". e fixo fincapé en que "é o momento xa de que os remanentes ou o superávit dos Concellos se destinen a beneficiar as necesidades que teñen as veciñas e os veciños e non a encher o peto dos bancos".

Neste apartado, o rexedor municipal tamén falou da necesidade de demandar do Goberno central que o decreto de alarma permita realizar máis trámites municipais, ademais dos de emerxencias. "Hai unha serie de trámites municipais que están absolutamente paralizados, e que imposibilitan a exposición pública ou imposibilitan que poidamos utilizar os fondos municipais porque toda a tramitación está parada" asegurou, ao tempo que solicitou que "nese decreto posibiliten esas actuacións que son necesarias" para a actividade municipal. Insistiu en que "estas medidas teñen que ser coordinadas entre todas as Administracións para que sexan efectivas".

Axilización de pago a provedores

O alcalde tamén informou na Comisión de seguimento que entre as prioridades do Concello neste momento está a de axilizar o pago a provedores e inxectar liquidez na economía local. Así, anunciou que nos últimos dez días se realizaron pagos de facturas por importe de 3 millóns de euros, o triple dos pagos abonados en condicións ordinarias.

No eido económico tamén deu conta do adiamento dos recibos que estaban en tramitación neste período, como son o imposto de vehículos de tracción mecánica e o padrón de mercados e valados. Tamén informou que outras medidas que se están valorando "van depender das decisións que se tomen a nivel de Estado e a nivel autonómico, porque tamén hai taxas que afectan a cidadáns de Pontevedra que son doutras Administracións".

En canto ao conxunto da xestión realizada desde o inicio do estado de alarma, na xuntanza fíxose unha actualización da información en relación a áreas como a organización da plantilla de persoal, a atención a colectivos vulnerables, as medidas económicas postas en marcha e as propostas para o plan de choque, os operativos de reforzo de limpeza e recollida de lixo específica para doentes de Covid-19, a coordinación das forzas de seguridade, e o funcionamento dos servizos esenciais.

Neste punto, Miguel Anxo Fernández Lores tivo palabras de felicitación e agradecemento para toda a plantilla de persoal "que fai que o Concello traballe full time", e fixo unha referencia especial á agrupación de voluntarios de Protección Civil polo traballo de coordinación que están a realizar para atender aos colectivos de Benestar Social.

Por último, o alcalde aproveitou para agradecer o comportamento da veciñanza de Pontevedra e insisitiu na necesidade de continuar co confinamento domiciliario como única medida para frear os contaxios e rematar coa pandemia.

Lores cifra nuns 20 millóns de euros o investimento dispoñíbel no caso de derrogarse a Lei Montoro