Intensa proxección internacional do Modelo Pontevedra

parís-lores-1280 px
Intervención de Lores no Cumio do Clima de París
Intensa proxección internacional do Modelo Pontevedra

A proxección internacional de Pontevedra como referente de calidade de vida non para de medrar. O alcalde de Pontevedra foi convidado polo ministerio de Fomento a participar como ponente no cumio do clima que terá lugar en Madrid entre o 2 e o 13 de decembro, ao que asistirán delegados de perto de 200 estados e no que abordarán, entre outros aspectos, os diferentes modelos urbanos para facer fronte ao cambio climático.

Á espera deste importantísimo evento, Pontevedra ten estes días unha intensa axenda internacional. Así, a portavoz do goberno e concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías ven de participar, convidada pola Asociación de Empresarios Centro Comercial Aberto de El Puerto de Santa María (Cádiz), no foro “Innovación, Comercio e Turismo”.

O vindeiro luns, día 25, o alcade de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, participará na xornada 'Soluciones para un mundo SOStenible' que terá lugar en Sevilla.Trátase dunha xornada organizada por eldiario.es e que contará coa presenza de alcaldes de cidades andaluzas e non andaluzas para coñecer diferentes modelos de cidade. Na mesma mesa que Pontevedra, participarán tamén as cidades de Málaga, Sevilla e Cádiz, que comentarán os principais fitos das respectivas transformacións urbanas para posteriormente abrir un debate sobre ideas exportables e accións urxentes. 

No mesmo día, o concelleiro de Obras Urbanas, Demetrio Gómez, participará na xornada 'Mobilidade Sustentábel. Agora ou Nunca' que terá lugar na cidade portuguesa de Santo Tirso. Nesta xornada, organizada polo Jornal de Notícias, Demetrio Gómez exporá a transformación urbana de Pontevedra nunha mesa redonda na que compartirá quenda co sociólogo Joao Pedro Matos Lopes, coa xeógrafa Teresa Sá Marques, e coa presidenta do Instituto de Cidades e Vilas com Mobilidade, Paula Teles. 

Intensa proxección internacional do Modelo Pontevedra