Un gran soto conectará baixo terra os tres edificios históricos do Museo

Presentación das obras de rehabilitación do Museo
Presentación das obras de rehabilitación do Museo
Un gran soto conectará baixo terra os tres edificios históricos do Museo

A rehabilitación dos edificios históricos do Museo de Pontevedra nas inmediacións da Praza da Leña, o Castro Monteagudo, García Flórez e Fernández López xa está definida. O vicepresidente César Mosquera, o director do Museo, Xosé Manuel Rey, e o arquitecto e asesor provincial Jesús Fole presentaron a proposta: a creación dun gran espazo soterrado que conectará baixo terra os tres inmobles e permitirá duplicar a súa capacidade expositiva. 

A solución, xa falada con Patrimonio e enfocada nos trámites administrativos, é segundo o vicepresidente César Mosquera, a “única técnica e administrativamente viable”, ademais de “lograda, bonita, orixinal e funcional”. Tamén se iniciaron conversas coa Xunta e o Estado para que se involucren no financiamento, coa perspectiva de comezar a obra a mediados de 2021 se non existen complicacións.

O vicepresidente Mosquera destacou que o Museo de Pontevedra é “claramente” o museo máis importante de Galiza. Subliñou que está moi constreñido de espazo pola sobreabundancia de pezas e coleccións, polo que a rehabilitación dos edificios históricos que levan pechados e baleirados dende a posta en marcha do ‘Sexto Edificio’ é un obxectivo prioritario (xunto á mellora da xestión e á creación dun novo edificio de Arqueoloxía). 

“Este é un dos retos máis difíciles cos que nos enfrontamos colectivamente e eu como responsable público”, dixo -lembrando no seu haber actuacións como a do Pitillo, Mugartegui, o aparcadoiro da Praza do Concello-. Incidiu, ademais, en que os pasos que  historicamente se plantexaron para a rehabilitación atoparon co “muro da inviabilidade” pola complexidade técnica, polo mal estado interior dos inmobles (sobre todo do Castro de Monteagudo e García Flórez), e tamén pola súa situación a cotas diferentes, chegando a paralizarse o debate das solucións en 2013. 

Así, logo de activar de novo a rehabilitación e dun fondo traballo, chegouse á conclusión de que a conexión soterrada entre os tres edificios era a mellor alternativa: crear 1.900 metros máis de superficie construída en dous niveis de soto e gañar en funcionalidade ao redistribuír os 1.945 metros de superficie actual en superficie.

A partir desa proposta iniciáronse todos os trámites: houbo contactos con Patrimonio -que amosou a súa satisfacción por manter intacta a apariencia do exterior dos edificios-, iniciáronse as contratacións do xeotécnico e da modificación do Peprica, está en estudo o apuntalamento dos edificios durante a obra, e está en redacción o convenio co Concello de Pontevedra para que ceda o uso do subsolo.

En canto aos prazos, a previsión é que as obras comecen en dous anos, estando abertos xa os contactos coa Xunta de Galiza e Estado para que aporten parte do investimento da rehabilitación, que ten un custe estimado de 2.500 euros por metro cadrado. “-O financiamento desta obra no Museo- está entre as famosas condicións da Axenda Galega que o BNG negocia en Madrid, pero tamén o negociaremos pola vía institucional”, dixo Mosquera, salientando tamén o compormiso da presidenta da Deputación para presionar tanto ao goberno galego como ao estatal.

Céar Mosquera: "A proposta de rehabilitación para os edificios Castro Monteagudo, García Flórez e Fernández López: é a única solución técnica e administrativamente viable, orixinal, funcional, bonita e lograda”

A solución máis idónea 

Pola súa banda, o director do Museo Xosé Manuel Rey, explicou os condicionamentos e limitacións que existen a día de hoxe nos edificios históricos do Museo que levaron a plantexar a solución presentada como a máis idónea. 

O primeiro a destacar foi que os edificios García Flórez e Castro de Monteagudo, por ser os primixenios da institución museística e o seu valor simbólico, deberían manterse de maneira “irrenunciable” na proposta construtiva. Así mesmo, e dados os graves problemas de acceso e comunicación entre os inmobles, unha das apostas era garantir a plena accesibilidade para todas as persoas nas mesmas condicións. 

A seguir, Rey subliñou a importancia de crear unha zona de acceso única cunha grande entrada na que se garantisen os servizos e elementos imprescindibles para as e os visitantes; a aposta por unha solución que eliminase a compartimentación das estancias e permitise recuperar a configuración orixinal dos inmobles; a necesidade de gañar superficie útil significativa para activar coleccións e pezas que non están en exhibición; a garantía de dar un servizo público de calidade en cuestións de seguridade, climatización, ou comunicación vertical, entre outras; así como garantir espazos inexistentes e recuperar instalacións obsoletas para mellorar as condicións de traballo do persoal (coa creación de aulas ou espazos de obradoiros).

 

O Louvre, a inspiración

O arquitecto e asesor provincial Jesús Fole foi o autor da proposta de rehabilitación. Destacou que está inspirada na solución adoptada polo Louvre en París para comunicar e ampliar a súa superficie expositiva, baleirando o espazo interior aos pazos laterais e reorganizando circulacións de público. 

Segundo dixo, en calquera caso, a actuación en Pontevedra –deixando a un lado a súa magnitude en superficie- “é un reto máis complexo” que o do Louvre polos cambios de rasante que existen entre os edificios.  Subliñou que se duplica a superficie real de Castro Monteagudo, García Flórez e Fernández López, pasando dos 1.945 metros cadrados actuais a 3.845 metros coa construción do novo soto a dous niveis. Este distribúese baixo a planta dos tres edificios e baixo os 25 metros da zona de unión do Fernández López co Castro de Monteagudo, onde agora está o monumento a Castelao.

Unha vez rehabilitado o conxunto de edificios do Museo na contorna da Praza da Leña, o público entrará a través dun acceso único polos soportais inferiores do edificio Fernández López en nivel O, nunha zona de 250 metros cadrados. Logo poderá pasar ao soto no nivel -1, que será compartido entre os edificios Castro Monteagudo e Fernández López, e despois baixar ao soto nivel -2, compartido para edificios García Flórez e Castro Monteagudo. Estas plantas inferiores e as superiores estarán comunicadas, entre outras fórmulas, cun novo ascensor a construír na torre do edificio Castro Monteagudo, por onde se chegará a un novo miradoiro dende onde observar os campanarios de Santa María e San Bartolomé. “Esta rehabilitación é complexa pero factible: unha verdadeira obra de enxeñería avanzada. É un espectáculo”, cualificou o arquitecto.