A fobia do PP contra a compostaxe levaos a mentir e facer o ridículo

Raimundo González
Raimundo González
Non todo vale. A fobia do PP pontevedrés contra a compostaxe levao á recurrir, sen ningún rubor, a toda clase de falacias para tentar crear alarma social. Este recurso sistemático á mentira fai que caian unha e outra vez no máis monumental dos ridículos. O concelleiro de Facenda, o noso compañeiro Raimundo González, destapou, un a un, as mentiras do PP e sentenciou que aquelas persoas que recurren á mentira non son dignas de exercer o cargo de concelleiro ou concelleira en Pontevedra.
A fobia do PP contra a compostaxe levaos a mentir e facer o ridículo

Non é a primeira vez que o PP arremete contra o tratamento dos bio-residuos mediante compostaxe, utilizando para iso a mentira como único argumento. Primeiro tocoulle á compostaxe comunitaria, coa imaxe icónica do portavoz do PP subido a un composteiro, piqueta en man, e os clamorosos fracasos das manifestacións que nunca se chegaron a producir por falta de quorum. Agora, como non podía ser doutro xeito, tocáballe á individual.

Foi o concelleiro responsable da xestión dos residuos urbanos, Raimundo González Carballo quen desmontou, unha por unha, as falacias vertidas polo portavoz do Partido Popular, Rafael Domínguez, afirmando que tiñan como única finalidade “crear alarma social” sobre unha suposta tributación no IRPF dos composteiros individuais no rural.

“O argumento de que o pensionista que non tería que facer declaración, se recibe o composteiro, tería que facela, simplemente é falso”, asegurou Raimundo González, que fixo referencia á Lei de Orzamentos do Estado de 2018 en vigor (elaborada polo ministro do partido popular Cristóbal Montoro), que modificou o apartado 2c do artigo 96 da lei que regula o IRPF. Esta modificación recolle que aquelas axudas inferiores a 1.000 euros non xeran obriga de declarar, e, polo tanto, “os pensionistas que reciben axuda pública por importe inferior a 1.000 euros non teñen obriga de facer declaración, e custe dun composteiro, transporte incluído, é de 58 euros”, aclarou.

Quen recurre á mentira non é digno de exercer un cargo público

Raimundo González tamén explicou que esta cesión non xera Renda nin IVE, polo que o non ten obriga de dar conta. “Esta axuda en especie pódese devolver; se non cumpre a finalidade coa que foi entregada, o Concello pode retirala, e o Concello tamén ten obriga de repoñela en caso de que se estrague”. A efectos fiscais é unha cesión de uso de mobiliario para prestación e mellora do servizo público municipal de limpeza.

O noso compañeiro explicou que en política “non todo vale” e engadiu que as persoas que recurren á mentira e á falacia non son dignas de exercer o cargo de concelleiro ou concelleira. “Hai que ser rigoroso e exercer o cargo coa maior dignidade, que non é o caso”, sentenciou.