Eficiencia na xestión do ciclo da auga

Dron nun sumideiro
Dron nun sumideiro
O Concello está a facer obras, por un importe de 356.000 na galería de servizos para incrementar a súa vida útil
Eficiencia na xestión do ciclo da auga

A concelleira responsable do Ciclo da Auga, Carme da Silva, deu conta edas actuacións que se están realizando na galería de servizos co obxecto de incrementar a súa vida últil e que suman un investimento de 356.000 euros. Trátase de tres tipos de obras, incluídas no contrato da nova concesionaria, e que van encamiñadas a manter a eficiencia, e nomeadamente o baixo nivel de fugas, da rede do Concello de Pontevedra.

O Concello de Pontevedra, co 87,5% da auga rexistrada, supera xa con moito o obxectivo de 80% que se plantexa a Xunta para o 2030

  • A primeira das actuacións consiste en dotar de sensores a rede de abastecemento para ter información instantánea das posibles fugas. A colocación destes sensores permitirá que envíen un son avisando dunha fuga a un servizo de control activo durante as 24 horas. Deste xeito, obtense información en tempo real da existencia dunha fuga e do punto exacto no que se está producindo, o que incrementa notablemente o tempo de resposta para solucionala e reduce a perda de auga. A colocación de sensores ten un orzamento de 46.000 euros.
  • A segunda das actuacións consiste na colocación de novos soportes de fixación das tubaxes da galería. Carme da Silva informou que se colocarán 70 unidades novas na canalización de 500mm, e se substituirán 30 fixacións na canalización de 300mm. Esto vai permitir que todas as tubaxes teñan as suxeccións en perfecto estado. Esta actuación ten un orzamento de 113.000 euros.
  • A terceira obra realizarase na rede de saneamento que discorre por dentro da galería e que ten as tapas dos pozos de rexistro dentro da propia galería. A nosa compañeira explicou que isto dificulta o traballo cando hai algún tipo de avaría, xa que supón abrir a galería, deixar que ventile mínimo 24 horas para que non presente risco para o persoal e buscar a avaría. Para salvar esta problemática, estanse realizando obras para subir todos os pozos de rexistro ata a superficie do vial, de tal forma que se poida acceder á canalización de saneamento sen ter que entrar na galería, introducindo cámaras e actuando desde a rasante do vial.

Por último, Carme da Silva lembrou que este tipo de actuacións seguen na liña de manter a eficiencia na xestión do ciclo da auga e lembrou que, segundo os criterios fixados pola Xunta na Estratexia Galega de Economía Circular, o Concello de Pontevedra xa ten superado o obxectivo previsto para 2030, xa que fixa unha porcentaxe de auga rexistrada do 80%, mentres que o Concello de Pontevedra xa está no 87,5%. Unha porcentaxe “moi superior aos estándares que se marcan para o 2030 e a razón é porque se actúa constantemente na rede e se renova porque a tecnoloxía vai mellorando” asegurou.