O Efecto PO2 chega a Suíza e Polonia

O Efecto PO2 chega a Suíza e Polonia

Pontevedra, 7 de Xuño de 2020. En tempos de pandemia, o modelo de Pontevedra demostrouse como o mellor para que os veciños e veciñas das cidades se incorporen á vida cotiá e aos novos hábitos sociais despois do coronavirus. Durante estes tres meses, o Efecto PO2 seguiuse a estender polo mundo adiante. De feito, Pontevedra foi a gañadora do primeiro Urban Road Safety Award concedido pola Comisión Europea da Unión Europea o pasado 11 de maio.

Era finalista do premio xunto ás cidades de Ordu, en Turquía, e de Jaworzno, en Polonia. O presidente desta última cidade de máis de 90.000 habitantes, Pawel Silbert acaba de enviar unha carta ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores no que lle felicita polo recente galardón europeo obtido e lle pide abrir unha vía de cooperación entre as dúas cidades.

Na súa misiva, Pawel Silbert recoñece que “nin sequera soñamos con recibir o primeiro premio, ao coñecer que Pontevedra se tiña presentado” e que “foi un honor” ter concorrido nesta primeira edición do galardón xunto á cidade do Lérez.

O presidente da localidade polaca de Jaworzno pídelle a Miguel Anxo Fernández Lores abrir vías de cooperación entre as dúas cidades

Asegura que Pontevedra é xusta “merecedora” do premio e confirma que “foi unha das cidades de Europa occidental cuxo exemplo seguimos cando buscamos a forma de crear a nosa cidade”. A través de imaxes e de visitas virtuais de Pontevedra, porque non se puideron achegar até Galiza, “queriamos ser un pouco como Pontevedra”.

A seu nomeamento tamén lles permite ser un exemplo para outras cidades polacas e lle solicita a Miguel Anxo Fernández Lores iniciar unha vía de cooperación unha vez que os camiños de ambas cidades se cruzaron co Urban Road Safety Award, para intercambiar ideas e crear cidades amigables.

Unha web para o premio Urban Road Safety Award

Para reforzar a presenza do premio na cidade, o Concello de Pontevedra vén de poñer en marcha a entrada http://www.pontevedra.gal/premio-ue/ dentro da páxina web municipal pontevedra.gal na que recolle todos os pormenores do premio concedido á cidade: o nomeamento, a resolución do xurado, o anuncio do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, a proposta presentada ao premio, as cidades finalistas e os seus logros, algunhas das referencias nos medios locais e tamén nos internacionais.

Esta campaña tamén se ve reforzada nos monolitos da cidade nos que unha das súas caras está reservada a dar a coñecer a concesión do premio, así como todos os galardóns que a cidade leva recollido dende o ano 2012, cando recibiu o premio Intermodes.

O Efecto PO2 na revista dos urbanistas suízos

Ademais do contacto coa cidade de Jaworzno, o Efecto PO2 chegou nestes meses de confinamento á Revista da Federación de urbanistas suízos Collage que no seu número 2 estuda a redución dos vehículos nas cidades europeas, e Pontevedra é exemplo cunha reportaxe e unha entrevista ao alcalde Miguel Anxo Fernández Lores.

Baixo o título Pontevedra: la ville d’abord – Un changement de paradigme , a revista recolle que a cidade procedeu en 20 anos a un verdadeiro cambio de paradigma, aplicando un concepto de calmado de tráfico en todo o territorio. Hoxe, gran parte dos habitantes de Pontevedra viven en zona peonís ou en rúas a 30 e a 20 km/h.

A revista da Federación de urbanistas suízos Collage e a revista de mobilidade peonil suíza recollen sendas reportaxes e entrevistas ao alcalde Miguel Anxo Fernández Lores sobre a transformación da cidade como modelo a seguir en Europa.

A referencia a Pontevedra tamén aparece na Revista de mobilidade peonil suíza Fussverkehr na que recolle a experiencia “fascinante e con carácter exemplar” de Pontevedra.

Escrita en alemán, a revista ofrece a Pontevedra a portada así como as dúas primeiras páxinas nas que tamén se recolle unha entrevista de Fernández Lores.

O Efecto PO2 chega a Suíza e Polonia