A deputación presenta a APP "As viaxes de Castelao"

PRESENTACIÓN APP CASTELAO
PRESENTACIÓN APP CASTELAO
A deputación presenta a APP "As viaxes de Castelao"

A Deputación de Pontevedra vén de presentar unha aplicación educativa destinada a público infantil e que poderá descargarse de balde desde a páxina do ente provincial baixo o título 'As viaxes de Castelao'. A presentación estivo encabezada polo responsable da empresa pontevedresa CreappContos, Toño Escudero, polo ilustrador, Víctor Rivas, e polo deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal. Leal asegurou que "con esta aplicación introducimos un recurso para a infancia para que, a través das novas tecnoloxías e dun xeito lúdico, poida coñecer a figura de Castelao ". O deputado fixo ademais fincapé en que "este é o formato máis acaído para os tempos actuais, xa que responde a unha necesidade que estamos apreciando na sociedade que demanda contidos deste tipo".

Tratase dun recurso educativo para a infancia que, a través das novas tecnoloxías e dun xeito lúdico, lles permiten coñecer a figura de Castelao

Esta aplicación tecnolóxica permite, tomando como referencia a Castelao, que os rapaces e rapazas coñezan de forma lúdica ao autor e interactúen coa súa obra. A través desta ferramenta, o público usuario pode crear esceas, construír historias e resolver quebracabezas sobre as principais etapas da vida de Castelao. 

A aplicación educativa “As viaxes de Castelao” xorde no contexto do Ano Castelao e coa finalidade de achegar a figura do rianxeiro de forma didáctica e nunha linguaxe actual aos máis pequenos e pequenas. Esta APP vai permitir, dende calquera lugar do mundo, crear e compartir contidos xerados a través da propia aplicación, como quebracabezas, contos, audio-contos e postais que logo se poderán imprimir. Trátase dunha aplicación para tabletas e que estará dispoñible en IOS (APPLE) a nivel global.