A cuestión de confianza

Vicente García Legísima, concelleiro de Réxime Interior, Persoal e Patrimonio
Vicente García Legísima, concelleiro de Réxime Interior, Persoal e Patrimonio

Polo seu interese reproducimos un artigo do noso compañeiro Vicente García Legísima, concelleiro de Réxime Interior, Persoal e Patrimonio no Concello de Pontevedra a respeito da cuestión de confianza.

A cuestión de confianza

O alcalde de Pontevedra no Pleno celebrado o pasado día 19, decidiu acollerse ó disposto no artigo 197 bis da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral, formulando ao Pleno unha cuestión de confianza, vinculada á aprobación dos orzamentos anuais para o ano 2017. Os portavoces dos catro grupos da oposición cuestionan, reprochan, critican... o paso dado polo Alcalde. Trátase da actitude duns perdedores que non aspiran a chegar nunca a Alcaldía do Concello de Pontevedra. Pois si tiveran tal aspiración non confluirían nunca para aprobar unhas emendas ao orzamento que modifican de maneira substancial os presentados pola Alcaldía. Son uns perdedores que pretenden que o Grupo maioritario (BNG) goberne, pero cos orzamentos e coas regras por eles impostas para a execución dos mesmos. Son uns perdedores pois pretenden iso, pero sen asumir ningunha responsabilidade de Goberno.

O que pretenden os catro grupos da oposición é facer o que tratou de evitar o lexislador co engadido do artigo 197 bis á Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (LOREX). A cuestión de confianza introducida na Lei no ano 1999 persigue o seguinte, segundo consta nos trámites nas Cortes e citamos literalmente: a cuestión de confianza está destinada precisamente a protexer e servir de instrumento a aqueles Gobernos locais que se ven afogados e presionados por unha acción destrutiva da oposición... busca darlle a posibilidade ao Goberno local para non verse atado diante dunha oposición destrutiva ... A cuestión de confianza convócase para evitar esa situación de bloqueo que sofren algunhas corporacións nas que os grupos da oposición son dispersos e incapaces de criar unha alternativa, de ofrecer un programa e un candidato alternativo e optan polo elemento máis fácil, que é desgastar, erosionar a acción de quen goberna, esquecendo que erosionar, desgastar, paralizar ou ralentizar a acción dun goberno municipal redunda negativamente nos cidadáns que a soportan, que ven como as súas necesidades ou demandas non poden saír adiante (todo isto está nos diarios de sesións).

O que buscan os catro perdedores é evitar que o alcalde se acolla á cuestión de confianza. E para iso déronse apoio mutuo na Comisión Informativa de Facenda, sen ningún tipo de explicación, nin xustificación na maior parte das emendas presentadas polos distintos Grupos da Oposición. Tratando así de impor, co seu ditame en Comisión, uns orzamentos que nada teñen que ver cos presentados polo Alcalde, pero eludindo a acción de goberno.

Os catro “líderes” ao pretender, coa súa maioría, impoñer cunha falcatruada o seu orzamento considéranse amparados polo seu estado de dereito, polos seus dereitos democráticos, esquecendo que as normas que invocan non amparan o abuso de dereito nin o exercicio antisocial do mesmo. Esquecen tamén os catro que eses dereitos democráticos que invocan, amparan ao Alcalde para facer uso do disposto no artigo 197-bis da LOREX, acudindo á cuestión de confianza cos seus orzamentos.

En definitiva, o precepto en cuestión permite que o Alcalde se someta á cuestión de confianza vinculada aos seus orzamentos, non só cando sexan rexeitados pola oposición no Pleno, senón tamén cando a oposición trata de impoñer o seu orzamento, sen asumir a acción de goberno...

E a oposición, unha vez rexeitada a modificación de confianza, se isto sucede, ten un mes para seguir dándose apoio mutuo e presentar unha moción de censura cun candidato alternativo a Alcalde, amparándose tamén no disposto no artigo 187bis.5 da Lei Orgánica. É dicir, teñen o dereito democrático de rexeitar a cuestión de confianza e presentar unha moción de censura con candidato alternativo. Logrado isto poderán presentar os seus orzamentos, pero non cando é outro Grupo que ten a responsabilidade de gobernar.

Remato cunha frase de quen era Senador do PP en marzo de 1999, que na defensa do Texto do artigo 197 dicía isto: Señorías, as leis son feitas polos homes e as mentes humanas atopan ás veces buratiños polos que burlalas.