O OBXECTIVO: RECUPERAR A SITUACIÓN ECONÓMICA DE PONTEVEDRA

O Concello de Pontevedra rompe o “peto” e elabora un orzamento superior aos 100 millóns para o ano 2021

O Concello de Pontevedra rompe o “peto” e elabora un orzamento superior aos 100 millóns para o ano 2021

Pontevedra, 18 de novembro de 2020. O Concello de Pontevedra está a traballar na elaboración dun orzamento que superará os 100 millóns de euros o ano que vén. Así o adiantou o concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González quen explicou que “o que pretendemos é poñer todos os recursos e todos os instrumentos que teñamos á nosa disposición, para conseguir recuperar a situación económica de Pontevedra e que volva a estar en parrilla de saída e que teña os mellores resultados posibles”.

A confección do documento orzamentario parte da aprobación por parte do Congreso dos Deputados, da suspensión dos tres principios fiscais da Lei Montoro ou Lei de estabilidade orzamentaria. O concelleiro avanzou que para o ano 2021 “non vai a haber cortapisas á débeda, nin ao teito de gasto nin á estabilidade orzamentaria. O marco no que nos movemos para este orzamento é diferente a exercicios anteriores”.

Con este punto de partida, o Concello está a elaborar un orzamento para 2021 en dúas fases: unha ordinaria que sería o equivalente a un orzamento normal e unha segunda fase, que se poría en marcha unha vez aprobada a liquidación do Orzamento de 2020, “un paquete medias potentísimo”.

A partida de investimentos achegarase aos 20 millóns de euros e será o orzamento máis alto da historia do Concello

O orzamento global superará os 100 millóns de euros (o último orzamento aprobado foi de 79.336.000 euros), e “imos pegar un salto agardo que superior aos 20 millóns fundamentalmente para investimentos”, anunciaba Raimundo González, quen afirmou que será o máis alto da historia do Concello, “e probablemente tardemos moitos anos en chegar a estes niveis orzamentarios”.

Todo o remanente destinarase a investimento e a axudas aos sectores máis afectados

“Imos romper o peto” -explicaba Raimundo González- “todo o remanente que teñamos vaise destinar a investimento ou a axudas económicas aos sectores afectados. O que dixemos era que había que reactivar a economía. Nesta situación económica tan dura e crúa, pensamos que era o momento de mobilizar todos os recursos”.

O Concello de Pontevedra rompe o “peto” e elabora un orzamento superior aos 100 millóns para o ano 2021