As comunidades de montes de Soutomaior a piques de perder as subvencións para parques forestais

As comunidades de montes de Soutomaior a piques de perder as subvencións para parques forestais

As comunidades de montes de Soutomaior poderían perder as subvencións ofertadas pola Deputación de Pontevedra para a creacións de parques forestais. No pasado mes de xullo, o pleno de Soutomaior aprobou unha moción do BNG para que se convocase as comunidades de montes a unha xuntanza informativa sobre estas axudas para construír parques forestais en Soutomaior que poderían aportar ata 50.000 euros por comunidade. 

A xuntanza convocouse despois de que o BNG denunciase que, inexplicablemente, o concello de Soutomaior non informara ás comunidades de montes das axudas na primeira convocatoria. 

Pero a pesar de que no propio mes de agosto tivo lugar unha xuntanza entre coorporación e comuneiros, tal e como se demandaba na moción do BNG, e de que Agustín Reguera se comprometera diante dos asistentes a convocar unha nova xuntanza para tramitar esas axudas cando saíse a seguinte convocatoria; a piques de rematar o prazo para que as comunidades de montes opten a estas subvencións, o PP de Soutomaior non cumpriu unha vez máis cos acordos e non convocou as comunidades, tal e como se comprometera. 

Neste sentido o portavoz municipal do BNG Manu Lourenzo sinalou que “o nivel de abandono do goberno local chega a estes extremos. Primeiro dende o PP trataron de crear confusións coas axudas da Deputación e agora que se demostra que eses argumentos eran falsos, o PP non convoca ás comunidades. É unha actitude que deixa ben as claras o nivel de degradación do goberno local de Soutomaior”

Nesta convocatoria poden acceder as subvencións comunidades de tan só 30 hectáreas (na anterior o requisito eran 50 ha). Pero a pesar de que o prazo para pedir as axudas remata o vindeiro 20 de marzo e de que, segundo se establece nas bases da convocatoria é o concello o que ten que ten que tramitar a petición de axudas, a día de hoxe, o goberno local de Soutomaior nin sequera convocou á xuntanza informativa á que se comprometera cos comuneiros.  

 
As comunidades de montes de Soutomaior a piques de perder as subvencións para parques forestais