A compostaxe estará implantada a mediados de 2017 nos concellos da provincia

congreso COMPOSTA
congreso COMPOSTA

O vicepresidente da deputación, César Mosquera, asegurou na súa participación no seminario Composta en Rede que a aspiración da Deputación é que a mediados do ano 2017 a compostaxe estea instaurada como sistema de xestión do lixo en boa parte dos concellos da provincia coa segunda fase do Plan Revitaliza.

A compostaxe estará implantada a mediados de 2017 nos concellos da provincia

O vicepresidente da deputación, César Mosquera, asegurou na súa participación no seminario Composta en Rede que a aspiración da Deputación é que a mediados do ano 2017 a compostaxe estea instaurada como sistema de xestión do lixo en boa parte dos concellos da provincia coa segunda fase do Plan Revitaliza. Mosquera asegurou que durante este ano 2016 a institución provincial investiu en compostaxe 1 de cada 280 euros do seu orzamento para as colaboracións cos concellos e a instalación de composteiros en Principe Felipe, pero sinalou que os resultados foron "moi alentadores" e o aforro en gasto de tratamento de residuos foi "brutal".

Mosquera defendeu a clara aposta da Deputación para aplicar na práctica a compostaxe como un sistema de xestión de lixo para os 62 concellos da provincia. Destacou a velocidade na que durante este último ano se leva implantado o Plan Revitaliza e lembrou que a promoción da compostaxe foi xa recollida no pacto de goberno co PSOE en xullo do pasado ano e que xa no mes de agosto se organizou a viaxe a Nafarroa para coñecer in situ a súa experiencia da compostaxe xunto a 50 representantes dos municipios pontevedreses. 

En setembro, lembrou César Mosquera, habilitouse a dotación económica para mercar os composteiros e dende entón formáronse aos mestres composteiros, asináronse convenios coa Universidade de Vigo e co CEIDA para abordar todos os campos da compostaxe, ademais de achegarse ao traballo de colectivos ecoloxistas e de xeradores e captadores agrarios na provincia e de plantas específicas como a de Ecocelta.  Así mesmo, conseguiuse facer do complexo Príncipe Felipe unha illa ecobiolóxica de residuo cero na que se tratan todos os residuos orgánicos e se prepara para a reciclaxe o resto do lixo. A día de hoxe, ademais, a provincia conta con composteiros comunitarios en moitos concellos, o que pon o punto final á primeira fase do Plan Revitaliza, de organización, sensibilización e planificación. 

A segunda fase, explicou Mosquera, comezará coa adhesión formal dos municpios ao Plan para realizar plans de residuos e seguidamente eliminar os colectores verdes da denominada fracción 'resto' e así abaratar os custes aos concellos. "Queremos que a mediados do ano próximo este sistema estea funcionando nos concellos da provincia", subliñou o vicepresidente, quen insistiu en que a coexistencia do sistema de recollida e tratamento actual xunto coa compostaxe o único que fai é encarecer o proceso. Segundo afirmou, "é preciso atacar directamente o cambio e que a coexistencia só sexa un proceso transitorio porque do contrario dificilmente se pode avanzar".

Nun ano amortízase

En canto aos números, o vicepresidente puxo sobre a mesa que a Deputación leva investido no Plan Revitaliza 600.000 euros durante o último ano, o que supón 1 de cada 280 euros do orzamento provincial, que se destinaron á compra dos composteiros, á formación dos mestres composteiros e aos convenios coa UVigo e CEIDA. "A inversión é boa porque o aforro é brutal, sobre todo se nos concellos se consegue dar o salto que xa se produciu en Príncipe Felipe", subliñou Mosquera. 

O nacionalista explicou que cos composteiros instalados no complexo socioasistencial conseguíronse eliminar os colectores de lixo verdes do interior e trátanse in situ todos os residuos orgánicos. "Nun ano xa se teñen amortizado os custes de instalar a compostaxe", afirmou, para asegurar que Príncipe Felipe foi o banco de probas para os concellos da provincia, xa que o seu número de usuarios faino equivalente a unha vila de entre 1.500 e 2.000 veciñas e veciños, "e demostramos que a compostaxe e viábel e sinxela", salientou. Facendo unha aplicación aos concellos da provincia, Mosquera destacou que os números están claros, xa que os concellos aforran no número de toneladas de lixo que mandan a Sogama e na tamén na recollida, pero insistiu na necesidade de facer o cambio de sistema de xestión coa maior rapidez posible.

Finalmente, Mosquera asegurou que a pesares de que a cidadanía a día de hoxe está a vivir "tempos difíciles",  é preciso plantexarlle "retos en positivo" como é a compostaxe para así cumprir expectativas  sociais. "A resposta ata o de agora na provincia é moi positiva, estamos a ver que moito mellor do previsto, xa que estando involucradas máis de 1.000 persoas non houbo ningún incidente", finalizou.

A participación social: eixo fundamental para o éxito da compostaxe

Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, salientou, no acto de apertura do Seminario,  que Pontevedra decidiu buscar alternativas para o lixo e está a traballar da man da Deputación na compostaxe. "En Pontevedra somos referentes na accesibilidade, na diminución da contaminación e na seguranza viaria. Tiñamos unha asignatura pendente na que estamos avanzando, pero é precisa a difusión e o coñecemento da compostaxe para que os veciños vexan as vantaxes. Sen a súa participación e a separación en orixe é inviable recuperar o 100% da materia orgánica e estariamos a desperdiciar unha oportunidade de aforrar, evitar a contaminación e obter unha emenda de calidade para o solo", dixo.