Carme da Silva: "O BNG que se presenta a estas Xerais é o mesmo que converteu Pontevedra nun referente internaciional

19-11-08-valoración campaña
Carme da Silva e Demetrio Gómez
Carme da Silva: "O BNG que se presenta a estas Xerais é o mesmo que converteu Pontevedra nun referente internaciional

A cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Carme da Silva, aproveitou as últimas horas da campaña electoral para pedir ás persoas de esquerdas desencantadas coa actuación de PSOE e Podemos nos últimos meses “que non se resignen, que lle dean unha volta, e que voten polo Bloque Nacionalista Galego”.

Da Silva apuntou que o BNG é unha forza seria que traballa intensamente para mellorar a vida das persoas e puxo como exemplo o traballo feito no Concello de Pontevedra nos últimos cinco mandatos, algo que contrapuxo á inacción e á discriminación á que someteron a Galiza as forzas estatais, que non solucionaron nin os problemas “do noso país nin tampouco foron quen de devolver dereitos sociais e liberdades”.

A nacionalista lembrou que o BNG leva á fronte do Concello pontevedrés dende hai vinte anos poñendo en marcha políticas punteiras que fixeron aumentar a calidade de vida da veciñanza. “Ese mesmo Bloque Nacionalista Galego que converteu a Pontevedra nun referente internacional, que fai que sexamos un exemplo de calidade de vida e de cidade pensada para as persoas, é o mesmo Bloque Nacionalista Galego que concorre a estas eleccións xerais”, subliñou, engadindo que “é a mesma forza política que se compromete a traballar man con man coa sociedade con esa mesma intensidade e compromiso para resolver os problemas de Pontevedra e de Galiza”.

Con eses antecedentes, e porque son moitas as necesidades pendentes tanto para a provincia como para Galiza, pediu o voto para o BNG, a única forza sen ataduras a Madrid á hora de poñer sobre a mesa as necesidades de galegas e galegos. “Pensamos que é necesaria esa voz e pedímoslle á xente de Pontevedra que confíe en nós, porque nós si confiamos na sociedade galega”, afirmou.

En canto á campaña, Da Silva subliñou que foi “especialmente intensa” para facer chegar a todos os recunchos da provincia a mensaxe de que Galiza precisa unha voz propia que defenda os seus intereses no Congreso, xa que ata o de agora, sen a representación do BNG estivo muda.

Amosou moita ilusión polo apoio recollido nos mitins e nos actos sectoriais e afirmou que “no BNG estamos indo a máis porque a xente ve que Galiza precisa ter representación”. Subliñou que hai unha grande receptividade que se viu dende a formación das candidaturas, no apoio de Compromiso por Galicia para facer unha candidatura de país, no apoio público de persoas independentes que sen seren do BNG confirmaron o seu voto para o Bloque, e tamén no contacto coa xente nos milleiros de quilómetros percorridos: “Da outra vez faltou unha presa de votos pero desta vaise conseguir, a nosa tendencia é á alza”, afirmou.

Pola súa banda, o responsable comarcal de Pontevedra, Demetrio Gómez Xunqueira, lembrou o traballo inxente despregado polo BNG durante os últimos días con multitude de actos, mitins, encontros e repartos tanto nos concellos máis próximos á cidade do Lérez como tamén nas comarcas do Morrazo, O Salnés, ou o Deza, en Vigo e no resto do sur da provincia.

 

Carme da Silva: "O BNG que se presenta a estas Xerais é o mesmo que converteu Pontevedra nun referente internaciional