Carme da Silva asegura que “o BNG é a única candidatura de país, a única que pode dar resposta ás necesidades da sociedade galega”

Carme da Silva asegura que “o BNG é a única candidatura de país, a única que pode dar resposta ás necesidades da sociedade galega”

A cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Carme da Silva, asegurou no inicio de campaña que o Bloque “sae a por todas para colocar Galiza na axenda do Estado” tras o vindeiro 10N, xa que “é a única candidatura de país que non ten obediencia a Madrid e que vai respostar ás necesidades da sociedade galega”.

No BNG, segundo explicou Da Silva, “afrontamos esta campaña con ilusión, confianza e con esperanza”. Coa ilusión, dixo, porque de quedar ás portas do Congreso por un puñado de votos nas pasadas eleccións ata hoxe sumouse á organización moitísima xente que “nos traslada que temos que conseguilo porque é a única posibilidade de que a sociedade galega deixe de estar muda no Congreso”.

“Coa confianza que nos dá a sociedade galega e con confianza na sociedade galega, porque cando traballamos xuntos e con intensidade somos quen de sacar grandes proxectos adiante”, dixo, para poñer Pontevedra como “boa mostra disto”, por ser referente e modelo de mobilidade e ambiental no ámbito internacional.

A cabeza de lista afirma que o Bloque afronta a campaña “ilusión, confianza e esperanza” e insta a non deixar pasar a oportunidade de dar voz a Galiza no Congreso

Finalmente, falou da “ilusión e a esperanza de sacar adiante este proxecto e que Galiza recupere a voz no Congreso”. Subliñou que “non podemos deixar pasar esta oportunidade”, e fixo fincapé en que a sociedade esixe que se dea solucións aos seus problemas con medidas a longo prazo, deixando o curtopracismo no que nos teñen metidas as forzas políticas estatais.

“Non nos poden roubar o futuro”, insistiu, para lembrar algunhas demandas históricas de Pontevedra como a estafa da AP9, a recuperación da ría, a necesidade dunha tarifa eléctrica propia, e dunhas infraestruturas “á altura do século XXI e non como están deseñadas para o século XIX”, citando a reforma do nó de Bombeiros e a A-57, xa que a cidade do Lérez é a única capital de provincia do Estado que aínda non ten circunvalación.

 

Converter o cabreo en apoio ao BNG

Da Silva instou á cidadanía a converter o cabreo pola incapacidade das forzas centralistas para chegar a acordos e polo seu ‘pasotismo’ con respecto a Galiza nunha oportunidade para o país, facendo algo diferente ao acudir a votar: apoiar ao BNG, a única forza que pode dar voz aos intereses de galegas e galegos e rematar coa discriminación dos partidos estatais.

Subliñou que ata o de agora tanto Partido Popular como Partido Socialista alternaron no goberno con decisións lesivas para Galiza, ou con indiferenza nas máis dos casos, pero tamén sinalou a Podemos, de quen dixo acordou xunto aos socialistas os orzamentos máis baixos para o país nas últimas décadas. Así mesmo, e nun contexto sen maiorías absolutas, Da Silva lembrou que o BNG poderá condicionar as políticas do Estado poñendo sobre a mesa a axenda galega.

“En definitiva, no BNG imos a por todas para que se resolvan os graves problemas que ten a sociedade galega e se deixe de mirar para outro lado e de non estar presentes no debate porque Galiza non ten voz no Congreso. Con esa ilusión, esperanza e confianza afrontamos esta campaña”, finalizou.