Carme da Silva anima ás persoas que cren nas capacidades e potencialidades de Galiza a votar BNG para poñer o país no mapa do Estado

19-11-06-mitin Arcade
Mitin Arcade
Carme da Silva anima ás persoas que cren nas capacidades e potencialidades de Galiza a votar BNG para poñer o país no mapa do Estado

Dirixíndose ás persoas “que cren nas capacidades e potencialidades de Galiza” e aos e ás desencantadas co acontecido na política estatal nos últimos meses, a cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Carme da Silva, pediu o voto para o Bloque Nacionalista Galego co obxectivo de poñer o país no mapa do Estado.

A candidata reivindicou ao BNG como “unha forza seria que resolve os problemas das galegas e dos galegos” desde unha visión de país fronte ás forzas estatais que a esquecen e a marxinan. Insistiu en que nun momento no que se vai poñer enriba da mesa o debate territorial a presenza de Galiza e do BNG no Congreso é fundamental para poñer voz ás súas necesidades. “Van estar vascos, cataláns, canarios, valencianos, cántabros… Nós non podemos quedar fóra”, subliñou.

Segundo dixo Carme da Silva, galegas e galegos “debemos confiar en nós mesmos como país para sacar o noso futuro adiante porque non nolo van arranxar dende Madrid. A nós nunca nos regalaron nada e teremos que pelexalo, como xa o fixemos no BNG cando tivemos representación no Congreso e conseguimos os mellores orzamentos da historia para Galiza”, dixo, para lembrar que dende que o Bloque saíu da Cámara Baixa a meirande parte dos proxectos están no caixón.

A nacionalista fíxose eco da corrente de simpatía que está a sumar apoios no BNG. Destacou que despois das eleccións do 28 de abril foi moita a xente “á que lle quedou pena” de que Galiza non tivera representación por poucos votos, por iso pediu a esas persoas que fagan o esforzo de analizar o que aconteceu nos últimos seis meses, “co comportamento frívolo dos partidos madrileños, e dean unha oportunidade a Galiza da man do BNG”.

Carme da Silva reivindicou ao Bloque como unha “forza seria que resolve os problemas das galegas e galegos”

De feito, Da Silva comprometeuse a que o BNG, nun escenario previsible sen maiorías absolutas, só dará o seu apoio para gobernar ás forzas progresistas que mostren respecto por galegos e galegas. “Non faremos acordos cos que nos marxinan e non apoiaremos ningún goberno que non acepte atender unha axenda galega de necesidades”, reafirmou.

En canto aos temas a reclamar, a nacionalista lembrou a transferencia e gratuidade da AP-9 como un tema central para Galiza. En concreto, puntualizou que no caso de Soutomaior a autoestrada rodea a vila con peaxes, sendo “unha infraestrutura que máis que comunicar incomunica”. “Non podemos seguir permitindo ter a vía de comunicación máis importante do país secuestrada! Cantas veces máis terémola que pagar?”, cuestionou.

Ao igual que a cabeza de lista, o portavoz municipal do BNG Manu Lourenzo reivindicou no mitin de Soutomaior a grande listaxe de temas pendentes do Goberno coa vila: a AP-9 principalmente, pero tamén a vía verde, a liña de alta tensión, o tren de proximidade, ou a mellora da seguranza viaria na N-550, entre outros.

Carme da Silva anima ás persoas que cren nas capacidades e potencialidades de Galiza a votar BNG para poñer o país no mapa do Estado