A campaña Efecto PO2 chega esta semana a Andorra, Porto e Bruxelas

A rúa Michelena, exemplo de conviencia do Modelo Pontevedra
A rúa Michelena, exemplo de conviencia do Modelo Pontevedra
O Modelo Pontevedra estará presente esta semana en diferentes congresos sobre mobilidade, que terán lugar en Andorra, Porto e Bruxelas, e que contará coa participación dos concelleiros Xaquín Moreda, Demetrio Gómez, Alberto Oubiña e Anabel Gulías
A campaña Efecto PO2 chega esta semana a Andorra, Porto e Bruxelas

Os concelleiros de Urbanismo e de Obras Urbanas, Xaquín Moreda e Demetrio Gómez, participan nun encontro con medios de comunicación en Andorra la Vella, previsto tras a visita á remodelación peonil realizada na carrer Meritxel. Esta visita está programada toda vez que a alcaldesa Conxita Marsol Riart comunicara que esta actuación se realizou seguindo o exemplo do Modelo Pontevedra, despois da visita realizada por ela e o seu equipo á cidade do Lérez en marzo de 2017.

Os concelleiros pontevedreses coñecerán  de primeria man estes cambios realizados na rúa principal que atravesa a cidade, cos que se lle dá preferencia aos peóns e se pretende mellorar a calidade de vida dos residentes, así como das rúas lindeiras. Posteriormente, ambos participarán como relatores no Congreso 'Modelos de éxito de convivencia entre comercio e restauración' onde exporán os principais parámetros da campaña Efecto PO2 e como as actuacións realizadas durante os últimos 20 anos afectan positivamente á actividade de restauración e o comercio de proximidade na cidade. Na mesma xornada tamén participarán representantes do Centro Histórico de Tolouse, do Gran Centre Granollers e de Terrassa Centre.

Porto e Bruxelas

A internalización do Modelo Pontevedra a través da campaña Efecto PO2 continúa esta semana coa participación da concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, e do concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, en dous foros que terán lugar en Porto e Bruxelas.

A primeira das citas terá lugar na tarde do venres 18 de outubro no Centro de Congressos da Alfândega do Porto, onde Pontevedra participará como cidade convidada no panel 'As cidades e o planeamento da mobilidade urbana sustentábel', no marco da Conferencia Internacional 'O futuro da mobilidade'. O convite chega da man da presidenta do Instituto de Cidades e Vilas com Mobilidade, Paula Teles, e do coordinador nacional da Rede Cidades e Vilas de Excelência, Pedro Ribeiro da Silva.

En Bruxelas, a participación dos concelleiros pontevedreses está prevista para a mañá do domingo 20 de outubro, no foro sobre alternativas ao sistema de automóbiles en centros urbanos, titulado 'Movemento Urbano! Concectando resistencias e alternativas'. Neste caso o convite parte da fundación alemá Rosa Luxemburgo.