O BNG -Soutomaior pide que se garante o subministro eléctrico ás familias

0lalla Obelleiro
0lalla Obelleiro
O BNG -Soutomaior pide que se garante o subministro eléctrico ás familias

O BNG de Soutomaior introduciu no rexistro do concello unha iniciativa para “defender as familias fronte aos abusos das compañías electricas”. A moción foi presentada pola concelleira Olalla Obelleiro que sinalou que a pesar de que Galiza é a maior productora de  electricidade do estado, os galegos e galegas temos que padecer un novo tipo de pobreza, a pobreza enerxética. Estamos a falar de familias que nen sequera  poden prender a calefacción no inverno aos seus fillos por culpa duns recibos da luz con tarifas vergoñentas que se encarecen  día tras día con absoluta impunidade. 

Así mesmo, na moción que presentou o BNG sinálase que a taxa de pobreza enerxética se situou no pasado ano en Galiza en case o 20%.  Estamos a falar de que unha de cada cinco familias de Soutomaior padecen pobreza enerxética. Non podemos tratar isto como algo normal nin limitarnos a tratar este problema dende os servizos sociais do concello xa que cando as persoas acoden a eles xa levan varios meses en situación de desesperación. Son situacións dramáticas que a xente vive en moitos casos en silencio. É paradoxal pero os nosos veciños, por moi pobres que sexan, posúen unha dignidade da que carecen os altos cargos dos Consellos de adminstración das electricas que serven como retiro de luxo para os altos cargos do PP e do PSOE, e por iso non lles resulta doado acudir aos servizos sociais; sinalaba a edil Olalla Obelleiro.

Así mesmo o voceiro do BNG Manu Lourenzo sinalou que vemos como as empresas eléctricas empregan os recursos das galegos e galegas para o seu beneficio. A electricidade sae dos nosos ríos e dos nosos montes e aínda así temos que ver como estas empresas que se enriquecen cos nosos recursos non só pagan os seus impostos en Madrid senón que cortan a luz unilateralmente aos nosos veciños á mínima.

Do mesmo xeito Manu Lourenzo sinalou que  non é tolerable que mentres Galiza é excedentaria na produción de enerxía  a nosa veciñanza nin sequera poida acender a calefacción no inverno. O concello non pode continuar de perfil ante esta situación nin a poñer aos servizos sociais ao servizo dos abusos das grandes compañías eléctricas. Isto non é unha cuestión de caridade senón de xustiza e por iso propoñemos que os gobernos rematen cos cortes de luz unilaterais ás familias e coas tarifas abusivas que provocan estas situacións.