O BNG reclama á Xunta reducción de velocidade a 30 e medios físicos de calmado de tráfico na PO-308 na avda. da Barca

Poio, 28 de setembro de 2020. O deputado do BNG por Pontevedra rexistrou hoxe iniciativas parlamentares nas que reclama á Xunta a que reduza a velocidade a 30 e instale medios físicos de calmado para evitar os atropelos de peóns que se producen de xeito reiterado neste treito da PO 308

O BNG reclama á Xunta reducción de velocidade a 30 e medios físicos de calmado de tráfico na PO-308 na avda. da Barca

Segundo explica o deputado nacionalista na iniciativa rexistrada hoxe, “a PO-308 é unha estrada que ten unha elevada intensidade de tráfico e que atravesa un continuo de núcleos de poboación e zonas urbanas dos concellos de Poio e Sanxenxo, cunha alta densidade poboacional e unha intensa actividade económica e social”.

Para o BNG, todos estes factores fan que sexa unha estrada perigosa, con unha alta sinistralidade viaria e unha cifra moi elevada de accidentes de tráfico, que provocaron numerosas vítimas mortais e persoas feridas. Especialmente preocupante é o alto número de atropelos de viandantes e ciclistas que se producen nesta estrada.

Bará considera que “se ben a Xunta está levando a cabo actuacións de mellora da seguridade nesta estrada, a realidade é que se trata de actuacións parciais en determinadas zonas (plan de sendas xunto con obras de mellora da seguridade en determinados treitos coa construción de rotondas ou mellora de interseccións), falta un plan integral de mellora de todo o vial así como o deseño e execución de alternativas que permitan desviar o tráfico das zonas urbanas.”

A avenida da Barca, un treito moi perigoso que precisa de actuacións urxentes

As iniciativas rexistradas hoxe polo BNG, en forma de proposición non de lei e preguntas ao goberno, inciden nun dos puntos máis problemáticos desde o punto de vista da seguridade viaria, a travesía da Barca e Andurique en Poio. Segundo Luís Bará “trátase dun treito plenamente urbano, con moita actividade residencial, comercial, hosteleira e de servizos en xeral, no que son frecuentes os accidentes e especialmente os atropelos de peóns. O último produciuse o pasado sábado 26 de setembro, co resultado dunha persoa ferida de gravidade despois de ser atropelada cando cruzaba por un paso de peóns”.

Para o BNG, malia ser unha zona plenamente urbana, a PO 308 ten nesta zona características de estrada de paso, cun tráfico moi intenso e con moitas deficiencias en materia de seguridade, accesibilidade e comodidade para as persoas que se desprazan a pé. Até agora a Xunta de Galiza desentendeuse deste treito da vía, na que só se realizaron parches como a colocación de bolardos

O deputado nacionalista entende que “para corrixir todas estas eivas e riscos faise necesario levar a cabo un proxecto de urbanización desta avenida, que permita calmar o tráfico, darlle un tratamento urbano na ordenación do espazo público, dotación de mobiliario, alumeado e cumprimento de estándares de accesibilidade e seguridade para todas as persoas”. Trataríase ao entender de Luís Bará, de “levar a cabo unha actuación integral de urbanización, tal e como se fixo recentemente nesta mesma estrada na avenida do Progreso en Sanxenxo”.

Por outra parte, a iniciativa nacionalista lembra a previsión de construción dun vial alternativo a este treito da PO 308. Trátase do vial do Vao, que ten por obxecto comunicar a PO 308 coa PO 531 Pontevedra-Vilagarcía e que leva 10 anos paralizado.

Proposición non de lei e preguntas parlamentarias

Por estes motivos, o BNG rexistrou no día de hoxe unha proposición non de lei e unha batería de preguntas.

Na proposición de lei ínstase á Xunta de Galiza a levar a cabo as seguintes actuacións:

1. Realizar, en coordinación co concello de Poio, un proxecto de urbanización da estrada PO 308 na Barca e Andurique, que atenda á mellora da accesibilidade, da seguridade viaria e mobilidade, e que inclúa a dotación e ampliación de beirarrúas, o calmado do tráfico, a seguridade dos pasos de peóns, a mellora da iluminación e a dotación de mobiliario urbano.

2. Realizar actuacións urxentes de reforzo da seguridade viaria e de protección das persoas usuarias máis vulnerábeis como a redución da velocidade a 30 km/h, o reforzo da seguridade en pasos de peóns coa dotación de medios físicos de calmado do tráfico e a mellora da sinalización

3. Impulsar, de común acordo co concello de Poio, a construción do Vial do Vao co obxecto de reducir o tráfico de paso pola Barca e mellorar a conectividade entre a PO 308 e a PO 531.

Ademais das medidas urxentes, o BNG reclama que o goberno galego impulse, en coordinación co concello de Poio, medidas a medio prazo como proxecto de urbanización da avenida da Barca e a a construción do vial de conexión entre a PO 308 e a estrada da Vilagarcía polo Vao.

Ademais, o BNG rexistrou as seguintes preguntas para resposta do goberno:

  • Que medidas ten previsto adoptar a Xunta de Galiza para mellorar a seguridade viaria na estrada PO 308 na zona da Barca e Andurique en Poio, na que se producen se maneira reiterada atropelos de peóns?
  • Considera o goberno galego que este treito da estrada ten un bo estado en canto á seguridade, accesibilidade, sinalización e protección das persoas usuarias máis vulnerábeis?
  • Considera necesario o goberno galego levar adiante un proxecto de urbanización do treito da PO 308 ao paso por A Barca e Andurique en Poio?
  • En tanto non se leve a cabo este proxecto, valora a Xunta de Galiza a necesidade de levar a cabo medidas urxentes como o calmado e redución da velocidade, a dotación de medios físicos de redución da velocidade nos pasos de peóns ou o reforzo da sinalización?
  • Que previsións ten o goberno galego en canto á construción do Vial do Vao de conexión entre a PO 308 e a PO 531?
O BNG reclama á Xunta reducción de velocidade a 30 e medios físicos de calmado de tráfico na PO-308 na avda. da Barca