O BNG reclama a transferencia da seguranza viaria para aplicar o Modelo BNG

seguranza-viaria-lérez
seguranza viaria en Lérez
O BNG reclama a transferencia da seguranza viaria para aplicar o Modelo BNG

A    candidata do BNG ás eleccións xerais do 10 de novembro pola provincia de Pontevedra, Carme da Silva, asegurou que o BNG coa súa voz no Congreso dos Deputados vai reclamar as transferencias de tráfico e seguranza viaria e que se adopten as medidas orzamentarias e os compromisos necesarios para reducir o número de accidentes que se producen nas estradas galegas, “xa que se son evitables non son accidentes”.

Da Silva realizou estas declaracións no treito da N-550 declarado ‘de concentración de accidentes’ na parroquia de Lérez, onde subliñou que as medidas que se están a adoptar por parte do Estado para evitar a violencia viaria en xeral nas súas infraestruturas “non só non funcionan, senón todo o contrario”.

Indicou, como exemplo, que dende Fomento limitáronse a instalar un cartel instando á precaución na zona conflitiva de Lérez, tendo que ser o propio Concello de Pontevedra o que colocou un semáforo para permitir o cruce da vía con seguridade aos peóns -método que recoñeceu tampouco é o máis axeitado-. “Galiza ten a maior cantidade de treitos máis perigosos do Estado e poñer carteis non é a solución. A solución é evitar a perigosidade dese treito reducindo tráficos, calmando velocidades e dando tratamentos urbanos ás travesías”, dixo.

A candidata do BNG propuxo a transferencia das competencias en materia de seguranza e aplicar o ‘modelo BNG’ do Concello de Pontevedra, que ten demostrado resultados exitosos. “O noso modelo é un exemplo para a Dirección Xeral de Tráfico porque conseguiu reducir de xeito importante o número de accidentes, a súa gravidade e, sobre todo, porque se reduciu a cero a mortalidade na cidade”. Lembrou Came da Silva que incluso a Deputación de Pontevedra, da man do deputado de Mobilidade do BNG no goberno provincial, puxo en marcha con éxito unha Estratexia de Mobilidade na rede provincial, que demostra que é posible cambiar o modelo se hai vontade política. “A mellora da seguranza viaria ten que ser unha prioridade”, subliñou.

En concreto, Da Silva explicou que a situación de perigosidade da N-550 ao seu paso pola parroquia de Lérez é consecuencia do tráfico masivo que soporta o vial, entre outras cuestións, porque a AP-9 ten unha portaxe carísima. “Non pode ser que por non facer o investimento que deben na A-57 e non liberar de portaxe a AP-9 esteamos a soportar tráficos aquí nesta estrada, na zona de Salcedo, ou na estrada de titularidade de Vilaboa, que teñen un nivel de circulación non asumible para vías destas características”. 

A cabeza de lista finalizou asegurando que nestas eleccións do vindeiro 10N as galegas e galegos deben mirar polas súas necesidades fronte á pasividade e desatención das forzas políticas madrileñas durante os últimos anos. Lembrou que as e os deputados elixidos pola provincia de Pontevedra non levaron a voz do país a Madrid e sinalou que “está demostrado que só cando o BNG está no Congreso” hai beneficios para Galiza con actuacións ou de partidas orzamentarias.

Así mesmo, instou á cidadanía desencantada pola situación actual a mudar e confiar no BNG para transformar o cabreo en dar voz a Galiza, sumándose á corrente de simpatía e apoios que está a medrar cara a formación nacionalista dende os últimos comicios estatais.

O BNG reclama a transferencia da seguranza viaria para aplicar o Modelo BNG