O BNG reclama a reforma integral da estrada de Almofrei

Ernesto Filgueira na estrada de Almofrei
Ernesto Filgueira na estrada de Almofrei
O BNG ven de presentar unha iniciativa no Concello de Cerdedo-Cotobade para que inste á Deputación a reformar a estrada de Almofrei, de forma que se mellore a seguridade e a mobilidade, e ao tempo, se favoreza a vertebración social, o aproveitamento turístico e a dinamización económica e social da vila
O BNG reclama a reforma integral da estrada de Almofrei

O BNG acaba de rexistrar unha moción para que a corporación municipal inste á Deputación Provincial a que acometa a reforma integral da EP-0405 dende o seu enlace coa PO-233 ata o seu entronque na praza da igrexa parroquial. O BNG entende que a estrada de Almofrei require dunha importante mellora para reducir as curvas, calmar o tráfico, mellorar a plataforma de rodadura e dotala de maior seguranza para viandantes e ciclistas.

Ernesto Filgueira: Quero arrincar o compromiso da corporación municipal de que ímos traballar arreo para que a Deputación acometa unha obra que leve a Almofrei ao século XXI”

O BNG considera prioritario relanzar este proxecto de mellora viaria dada a súa función de vertebración veciñal polo que debe prestar os mellores dos servizos en materia de mobilidade e contar coas garantías en seguridade vial propias dunha estrada provincial que dá servizo tanto á veciñanza coma aos usuarios que se achegan ao espazo histórico e natural das pozas do río Almofrei.

Esta obra é demandada pola veciñanza, dado que se trata dunha estrada ateigada de curvas, con carrís moi estreitos e sen ningún arcén que facilite o paso seguro das persoas.

O BNG considera que necesaria unha reforma integral da estrada que garanta a seguridade vial e favoreza a vertebración social, o aproveitamento turístico, e a dinamización económica e cultural da vila.