BNG e PSOE chegan a un acordo que cambiará o rumbo de Caldas

Manuel Fariña, Portavoz do BNG en Caldas
Manuel Fariña, Portavoz do BNG en Caldas
BNG e PSOE chegan a un acordo que cambiará o rumbo de Caldas

Logo de meses de traballo e negociación arredor das 10 propostas realizadas polo BNG para a aprobación do orzamento do 2020, o pasado luns 9 de marzo tivo lugar a aprobación inicial do documento económico de cabeceira para o  Concello de Caldas de Reis.

Un proxecto económico que cambiará o rumbo do Concello para facer de Caldas un concello medioambientalmente sostible, que mellorará o mantemento dos equipamentos e dos servizos públicos.

Deste xeito, o acordo para a aprobación dos orzamentos prevé unha fortísima inversión para avanzar con determinación na expansión da rede de saneamento no rural, así como tamén permitirá a compra das parcelas para a ampliación do IES Aquis Celenis. Asemade, tamén se avanzará no tratamento dos residuos con unha ambiciosa aposta pola compostaxe, que persigue a redución da pegada climática do noso concello.

Como non podía ser doutra maneira, o BNG estará vixiante e realizará un seguimento diario deste acordo para garantir o seu estrito cumprimento, o que traerá consigo importantes melloras na calidade de vida das veciñas e veciños de Caldas.

Acordo BNG-PSOE

  1. O Concello de Caldas de Reis solicitará á Deputación de Pontevedra a súa inclusión na segunda fase do Plan Revitaliza na vindeira convocatoria. Seguirase avanzando na xestión dos RSU apostando pola compostaxe.
  2. Crearase unha cuadrilla con persoal contratado con cargo á liña 2 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra para a limpeza e roza dos viais municipais que permitan dúas pasadas anuais de rozadora
  3. Realizarase unha revisión anual do estado dos parques infantís desenvolvendo as tarefas de mantemento correspondentes. No casco urbán as revisións realizaranse cada semestre.
  4. Convocarase neste ano 2020 o concurso para a xestión da piscina e ximnasio municipais, e revisarase tamén a situación da Escola Infantil e o servizo de axuda no fogar.
  5. Asinarase dun convenio coa USC para que a súa Estación de Hidrobioloxía realice un estudo sobre a incidencia das cianobacterias no proceso de potabilización da auga no caso concreto de Caldas de Reis.
  6. Aprobarase unha modificación de crédito suficiente para a compra dos terreos destinados á ampliación do IES Aquis Celenis.
  7. As bases para a concesión de subvencións a entidades culturais e deportivas atenderán a criterios obxectivos e transparentes.
  8. No ano 2020 conxelaranse as taxas e impostos municipais.
  9. Promoverase prezos reducidos do Festival Portamérica para a veciñanza de Caldas.
  10. De acordo á dispoñibilidade orzamentaria, impulsarase o plan de saneamento coa seguinte programación inicial:

2020

San Clemente: Igrexa de Faramentáns Bemil: Paradela (1a fase)
Saiar: Igrexa
Rúa Real

Depuradora Tibo Depuradora Fieitoso

2021

Bemil: Paradela (2a fase)
Saiar: Cardín-Paraimas
Godos: Regengo
Santa María: Tibo-Pazo-Igrexa Santa María Carracedo: Gorgullón

2022

Bemil: Paradela (3a fase) Saiar: Soutelo-Gundiñáns San Clemente: Ribocias Arcos: Penalta, Valsordo Godos: Santa Catalina-Currás

2023

Saiar: Carballal
San Clemente: Casaldrago
Arcos: Arousa
Godos: Coto de Arriba – Coto de Abaixo Saiar-Godos: Calvelos – Calcote

Un PP desnortado, falto de propostas e que nin sequera estudou os orzamentos

As críticas do Partido Popular ao orzamento non só reflexan que este é un bo orzamento para Caldas, senón que tamén poñen de manifesto que o PP nin estudou o orzamento municipal nin fixo unha soa proposta para a súa inclusión no orzamento.

Así pois, a pesares de ter máis tempo do que nunca tivo a oposición municipal para estudar o orzamento, permítense o luxo de enviar unha nota de prensa chea de mentiras, xa que practicamente todas as obras que segundo o PP non se realizarán si están recollidas no acordo para a aprobación dos orzamentos. Tamén demostra o absoluto descoñecemento da lexislación aprobada pola súa forza política, que obriga a dotar economicamente todas as prazas de persoal recollidas na RPT aínda que estas non estean cubertas (o que provoca o aumento da partida de persoal).

Parece evidente que este estado de nerviosismo do Partido Popular se debe máis ao nerviosismo provocado polas súas nefastas expectativas eleitorais. Na práctica, están a poñer de manifesto que as 10 propostas do BNG para a aprobación dos orzamentos municipais, e que o PSOE asumiu na súa totalidade, son propostas moi beneficiosas para Caldas, xa que supoñen a mellora dos servizos públicos e por tanto a mellora da calidade de vida das veciñas e veciños e avanzan cara un Caldas medioambientalmente sostible.

BNG e PSOE chegan a un acordo que cambiará o rumbo de Caldas