O BNG propón axudas directas da Xunta para paliar a crise da COVID-19 no sector do viño galego e un Plan de apoio que o potencie de xeito estable

Encontro virtual coa Asociación Galega de Viticultura
Encontro virtual coa Asociación Galega de Viticultura

O parlamentario Luís Bará reuniuse con representantes da Asociación Galega de Viticultura, cos que se comprometeu a “volver poñer o rural no centro da política galega como un sector económico estratéxico”

O BNG propón axudas directas da Xunta para paliar a crise da COVID-19 no sector do viño galego e un Plan de apoio que o potencie de xeito estable

Pontevedra, 22 de maio de 2020. O BNG considera necesarias medidas de choque inminentes e directas da Xunta de Galiza para paliar a crise da COVID-19 no sector vitivinícola galego, así como un plan de actuación a curto e medio prazo que o potencie de xeito estable. Así o manifestaron os parlamentarios Luís Bará, Noa Presas e Xosé Luis Rivas ‘Mini’, que mantiveron hoxe un encontro de traballo con representantes da Asociación Galega de Viticultura no que se comprometeron a “volver poñer o rural no centro da política galega como un sector económico estratéxico na Galiza” unha vez se produza o cambio de Goberno no executivo galego tras o 12X.

Bará escoitou a situación do sector da man do presidente do colectivo, Roberto Rivas Reboredo, Xan Bautista, coordinador, e Iván Bello, vogal da directiva. Apuntou que o viño ten un grande potencial dentro do rural galego, mais recoñeceu que nestes momentos está a ser golpeado duramente pola crise da COVID-19 ademais de pola guerra comercial cos EUA, así como por outros problemas estruturais, polos cambios na reforma da PAC ou a entrada de capital estranxeiro nas Denominacións de Orixe galegas.

Fronte a esta situación, o nacionalista comprometeuse a ser altofalante das necesidades e demandas do sector vitivinícola e do rural galego en todos os ámbitos e administracións, así como a elaborar un programa de medidas que levar adiante tras as eleccións do mes de xullo, unha vez se produza o cambio galego no executivo do país. Bará defendeu a necesaria intervención da Xunta de Galiza, criticando que nestes momentos estea de perfil, “índose de rositas e non afrontando a súa responsabilidade ”

As medidas de choque fundamentais pasan pola activación de apoios para o mantemento do emprego, axudas de financiamento, exencións fiscais, e a activación das mesas do viño

Bará reclamou a intervención pública directa por parte da Xunta, con axudas ao sector para o mantemento do emprego, axudas de financiamento e exencións fiscais. Tamén subliñou que a partir de aí é preciso abrir un proceso de diálogo a través das mesas do viño das distintas denominación de orixe na que participen produtores, adegas e a distribución para artellar un plan de actuación estratéxico do viño galego, tendo en conta que en setembro vén unha próxima colleita e vanse acumular os problemas. 

Dentro das propostas dese plan estratéxico citou nomeadamente as campañas de promoción dos viños nos mercados próximos, que segundo destacou van ser determinantes no futuro máis inmediato, e tamén retrasar a certificación das colleitas, e aprobar contratos homologados con prezos mínimos para o viño. 

Insistiu en que para o BNG o sector rural é un sector absolutamente estratéxico para a Galiza do presente e do futuro. “Demostramos no pasado que fomos capaces dende o Goberno da Xunta de facer unha auténtica política para o rural galego e agora é tempo de que teñamos nas nosas rendas a capacidade de decidir nestas cuestións e, dende o Goberno galego, a través de políticas nacionalistas, apostar polo rural, o desenvolvemento do sector agrogandeiro galego e polo desenvolvemento dun sector que ten que ter moito máis potencial como é o sector do viño”, dixo Bará.

Pola súa parte, Xosé Luís Rivas ‘Mini’ destacou que é fundamental ir traballando nun paquete de medidas que plantexar á Unión Europea dentro da nova PAC: “Os cambios introducidos na reforma da PAC non serven para nada porque a realidade mudou coa crise. É o momento de pedir que se atendan as nosas peculiaridades no viño, no leite...”, dixo. 

Tamén sinalou que “o momento pinta ben” a pesares da crise porque “pode ser a hora do rural, de poñelo en valor e adoptar medidas estruturais para conseguir un rural dinámico”, xa que unha das consecuencias da crise sanitaria é que a cidadanía se deu conta da súa necesidade e da conveniencia de asegurar unha “soberanía alimentaria” e un mínimo de autoabastecemento.  “As traballadoras e traballadores do mundo rural non crían ter protagonismo social, e agora si. Ven que son importantes”, finalizou. 

Pola súa banda, Noa Presas destacou que a crise sanitaria puxo de relevo os problemas estruturais nos sectores primarios que o BNG leva denunciando históricamente e “que agora neste momento crítico se puxeron máis de relevo”. Ao igual que Rivas destacou que este debe ser o momento para solucionar os problemas pendentes como a negociación de prezos, ou os contratos homologados.

O BNG propón axudas directas da Xunta para paliar a crise da COVID-19 no sector do viño galego e un Plan de apoio que o potencie de xeito estable