O BNG pide un parque de bombeiros no interior de Pontevedra para os concellos en zona de sombra

Luís Bará
Luís Bará
O BNG demandou a creación dun parque de bombeiros para solucionar o problema das emerxencias nos concellos de sombra: A Lama, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Forcarei, Moraña e Ponte Caldelas, mentres a Xunta actuou de escapista e non respondeu á demanda de crear unha mesa de negociación coa Deputación e os Concellos para decidir a ubicación do novo parque baixo criterios técnicos
O BNG pide un parque de bombeiros no interior de Pontevedra para os concellos en zona de sombra

O deputado do BNG, Luís Bará formulou unha pregunta ao goberno, en comisión, relativa  á creación dun servizo de extinción de incendios e salvamento para os concellos de Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Forcarei, Moraña, Ponte Caldelas e A Lama.

O parlamentario lembrou que a Xunta de Galiza nunha reunión co concello de Pontevedra para abordar a comarcalización recoñecía que “era necesario un novo parque na zona entorno a Cotobade” para  dar cobertura a concellos con tempos de resposta de máis de 20 minutos e que polo tanto están desatendidos.

Tras a resposta do director Xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva que  anunciou melloras nas agrupacións de protección civil e grupos de emerxencias supramunicipais, o nacionalista  replicou que as medidas eran  “pouco serías” pola falta de medios destes servizos para atender emerxencias como a extinción de  incendios. O nacionalista recalcou que  estamos a falar da “seguridade de vidas e bens” polo que volveu  a preguntar que accións vai emprender a  Xunta ante a  necesidade de crear un parque de bombeiros no interior da provincia para dar cobertura aos concellos mencionados. A Xunta, denunciou “non se molla” e presenta como escusa que este asunto debe ser tratado na Comisión de Protección Civil. “Non se escape e responda ás preguntas”, reiterou Bará a Villanueva ao que tamén cominou a participar nunha mesa coa Deputación de Pontevedra e concellos para buscar unha solución.

Dende  hai xa máis de 2 anos, explicou, a Xunta de Galiza anunciou a revisión do mapa de emerxencias e a comarcalización dos parques de bombeiros das cidades, mais pouco se avanzou ao respecto. Resulta pois imprescindíbel e urxente que a Xunta de Galiza e a Deputación de Pontevedra estuden e acorden, en colaboración cos concellos e a través dos consorcios, unha solución para darlle unha cobertura axeitada ás emerxencias dos citados concellos do interior da provincia, concluíu.