O BNG participa na entrega de alegacións contra a mina Alberta

Bará e Filgueira na entrega de alegacións contra a mina alberta en Cerdedo
Bará e Filgueira na entrega de alegacións contra a mina alberta en Cerdedo
O BNG participa na entrega de alegacións contra a mina Alberta

Cerdedo-Cotobade, 30 de outubro de 2020. O BNG participou hoxe, a través do deputado Luís Bará e o portavoz municipal do BNG en Cerdedo-Cotobade, Ernesto Filgueira, no acto de entrega de alegacións en contra da mina do Seixo-Suído (que afecta aos concellos de Avión, Beariz, A Lama, Cerdedo-Cotobade e Forcarei), que tivo lugar esta mañá na Casa do Concello de Cerdedo.

Nas alegacións, impulsadas pola Plataforma contra a mina Alberta, esíxese un estudo de impacto ambiental (non está previsto segundo os informes da Xunta), e que haxa a máxima participación, información e transparencia a respeito deste proxecto que ten fortes impactos no territorio, na calidade de vida e na saúde, nas actividades económicas da zona e no medio ambiente.

Por estes mesmos motivos o BNG xa presentou, da man de Luís Bará, unha iniciativa no Parlamento Galego que foi rexeitada polo PP. O deputado nacionalista insistíu en que o BNG seguirá presentando todas as iniciativas que sexan necesarias tanto no Parlamento Galego como nos concellos afectados. 

Luís Bará manifestou que ao BNG lle preocupa especialmente a posíbel contaminación de afluentes de ríos como o Lérez, o Verdugo e o Miño, así como tamén o impacto das detonacións (é unha mina que vai en galería, soterrada) e o tráfico de camións que van aos portos, sexa por Soutelo, Cerdedo-Cotobade ou pola Lama.

O BNG, recalcou Bará, está participando nesta campaña defendendo os intereses da veciñanza dos concellos afectados, fronte á colaboración da Xunta cun proxecto dunha empresa que só busca o seu propio beneficio, e que vai deixar grandes impactos negativos no territorio.

O BNG participa na entrega de alegacións contra a mina Alberta